DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita será o domingo 27 de marzo no campus de Vigo

O Servizo de Deportes agarda reunir 700 participantes na carreira 10 Km Cidade Universitaria

Aberta a profesionais e afeccionados, xa está aberto o período de inscricións

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
D. Besadío DUVI 03/02/2011
Se o ano pasado foron case 600 os atletas e afeccionados que participaron na IV edición da Carreira 10 Km Cidade Universitaria este ano as previsións son superar os 700, e é que as cifras increméntanse cada ano “pois falamos xa dunha carreira con nome propio no circuíto galego”, subliñou Javier Rial, responsable do Servizo de Deportes, que subliña que esta proba estase xa a converter nun clásico no Circuíto de Carreiras Populares de Vigo e tamén do Circuíto Universitario de Carreiras en Ruta das Universidades de Galicia.

A cita será o domingo 27 de marzo e o percorrido será similar ao de outros anos: vieiros interiores do campus e o acceso á cidade deportiva do Círculo Mercantil, “se ben, hai algúns pequenos cambios que imos introducindo para seguir mellorando o circuíto”, indicou Rial, en referencia a que este ano se cambiará a liña de saída, a liña de meta e incluirase unha volta a un tramo de saída, outra ao circuíto grande e dúas ao pequeno.

Agasallos para todos

A carreira, dun recorrido “moi agradecido”, como subliñan dende o Servizo de Deportes, está aberta á participación tanto de atletas profesionais como de afeccionados. “Calquera persoa pode participar, é un reto moi accesible e doado”, apunta Rial, ao tempo que anima aos non profesionais a apuntarse a este tipo de iniciativas deportivas “chega con que comecen a practicar saíndo dous ou tres días á semana correndo de vagar”.

Con premios importantes para os tres primeiros clasificados en categoría masculina e feminina e trofeos para os mellores de cada categoría, a iniciativa “tentará gratificar ao maior número de participantes, independentemente dos resultados acadados”, especifican dende o Servizo de Deportes. Dende unha camiseta técnica conmemorativa ata diferente material deportivo e varios lotes de produtos en conserva cedidos por Anfaco, principal patrocinador da carreira, serán algúns dos agasallos que recibirán os participantes.

Inchables e gardería para os cativos

Como ven sendo habitual este encontro estará rodeado dun ambiente moi festivo e, ao igual ca noutras edicións, un grupo de teatro encargarase de amenizar a xornada. Ademais, os máis cativos poderán tamén gozar no día no campus cun área de inchables e gardería no que gozar mentres os maiores participan na carreira.
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 22 de marzo ás 14.00 horas podendo facelo en liña na web do Servizo de Deportes, onde tamén se pode consultar toda a información sobre a carreira.