DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Servizo de Deportes, en colaboración con Prado Surf Escola, ofrece cursos gratuítos de iniciación ao surf

Aberto a todo os membros da comunidade universitaria

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
M. Del Río DUVI 20/11/2008

Despois da exitosa acollida da pasada edición celebrada no mes de febreiro, o Servizo de Deportes da Universidade volve a organizar os cursos de iniciación ao surf. Divididos en catro grupos, este primeiro achegamento á práctica deste deporte acuático desenvolverase na última fin de semana do mes novembro, de xeito gratuíto e aberto a toda a comunidade universitaria.
Esta iniciativa, que pretende achegar a estudantes, profesores e persoal laboral da Universidade á actividade física, está organizada en colaboración con Prado Surf Escola e a Federación Galega de Surf e desenvolverase na praia de Patos, en Nigrán, o sábado 29 e domingo 30 de novembro. No primeiro día realizarase o bautismo de mar e no segundo o test de material, estando os inscritos divididos en catro grupos, con dúas horas de clase cada un.
A inscrición inclúe a licenza federativa mensual, o seguro de responsabilidade civil e accidentes, a táboa de surf, o neopreno e a licra. O bautismo de mar comprende dúas horas de clases teórico-prácticas, en nivel de iniciación para adquirir coñecementos básicos, mentres que o tes consiste no asesoramento técnico para probar o material máis adecuado ao nivel e condicións das ondas (táboas de surf e bodyboard). A docencia, que será impartida por técnicos titulados da Federación Galega de Surf, comprende unha explicación dos obxectivos, das instalacións, do material e das normas de seguridade na auga para, a continuación, realizar unha serie de exercicios de quecemento muscular. Neste punto, os alumnos xa estarán preparados para entrar na auga a realizar a práctica de remada, a toma de ondas deitados e, finalmente, a práctica do stand up.
A data límite de inscrición é o martes 25 de novembro nos servizos de deportes dos tres campus da Universidade.