DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Servizo de Deportes comezará o ano ofrecendo actividades físicas e de ocio para todos os gustos

As Rutas Culturais ou o programa Ponte en Forma son algunhas das propostas

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Noelia V. Vilanova DUVI 17/12/2008

O deporte e a saúde son dous aspectos que teñen gran relevancia na sociedade actual. Por iso, dende hai anos, a Universidade de Vigo dende o campus de Ourense oferta dentro da súa programación anual un amplo abano de actividades físicas e de ocio para a comunidade universitaria. As Escolas Deportivas, as Rutas Culturais, o programa Ponte en Forma e as Ligas Universitarias son as propostas deste curso 2008-2009, un xeito económico de estar en forma física e mentalmente. A finais do mes de xaneiro do novo ano abrirase o prazo de inscrición para o segundo cuadrimestre e, dende o Servizo de Deportes do Campus de Ourense, Rodrigo Alberte Pivida, anima a todos aos que aínda non o fixeron “a matricularse nalgunha das actividades, xa que hai para todos os gustos”. A través do deporte non só se pode lograr unha boa forma física senón tamén mellorar a nosa calidade de vida, “esa é a nosa aposta, actividades lúdicas, deportivas e tamén saudables”, subliñou Alberte.
Dentro da programación das Escolas Deportivas, hai máis de 20 centros colaboradores, entre ximnasios e institucións, que ofrecen, entre outras moitas actividades, aerobic, bailes de salón e latinos, boxeo, capoeira, danzas orientais, ioga, iudo, natación, pilates, remo e vela. Como novidade este ano, “incluíuse tenis para nenos, algo que se pediu por parte dalgúns traballadores da Universidade”, explicou Alberte. Os prezos das inscricións varían segundo o deporte e o establecemento no que se realice, pero en xeral oscilan entre os 20 e os 90 euros anuais; hai que engadir que “hai actividades gratuítas como o boot camp basic, o power dunbell e o xadrez”, precisou. É precisamente esta última actividade a que experimentou o maior aumento de inscritos respecto ao ano anterior “cun total de 22 matriculados”, aínda que todo pode ser debido “a que anotarse en xadrez reporta dous créditos de libre elección para os estudantes”, dixo o responsable do servizo. No tocante ao resto das propostas das Escolas Deportivas son a natación libre e o aerobic as que están a ter máis éxito cun total de 120 e 80 persoas apuntadas respectivamente.

Natureza, competición e saúde

No tocante ás Rutas Culturais xa se levan realizadas catro saídas, pero o segundo cuadrimestre ofrece sete novas aventuras entre as que se contan as rutas do Ribeiro, Aciveiro-Candán, Serra do Xurés ou o Incio. Os prezos por camiñada son de 8 euros para os membros da Universidade e de 13 para persoas externas. Neste curso, debido ao gran número de participantes, “tivo que ampliarse o límite de prazas de 55 ata 80 e habilitarse dous autobuses, un para os de Vigo e Pontevedra e outro para os de Ourense”, comentou Alberte. Unha das satisfaccións que este ano terán os organizadores destas andainas “é a de ver publicada a guía das camiñadas que se realizaron durante os últimos tres anos titulada Rutas Culturais por Ourense, realizada por José García-Calvo e Beatriz Vaquero”, dixo Alberte.
No eido da saúde, por segundo ano consecutivo, a Universidade de Vigo ofrece Ponte en forma, un programa físico individualizado, supervisado medicamente e programado por profesionais da saúde e do deporte. Juan José Crespo, doutor especialista en Medicina Deportiva, é o encargado de realizar as revisións médicas, tres por persoa, que inclúen unha exploración física, estudos de peso, masa, graxa e muscular, podoscopia, medición da tensión arterial e un electrocardiograma. Tras a súa diagnose e en función dos desexos de cada paciente emite un dictame co cal Guillermo Santos, monitor da Unidade de Actividade Física Personalizada, programa unhas táboas de exercicios específicos adaptados ás posibilidades de cada un.
Por outra banda, nas Ligas Universitarias triunfan o fútbol sala, con 36 equipos entre as competicións masculinas e femininas; o fútbol sete, que conta con 16 equipos só masculinos e o baloncesto no que tampouco hai equipos de mulleres. As distintas ligas rematarán a finais de febreiro e a primeira semana de marzo serán as finais entre os tres campus da Universidade de Vigo. Tras o remate desta competición comezará o Torneo Copa que se xogará “dende marzo ata maio e no que participarán os mesmos equipos que nas Ligas Universitarias”, explicou Alberte.