DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os participantes xogarán un torneo ao final do curso

O Servizo de Deportes convida á comunidade universitaria a introducirse no rugby

Para os xa iniciados, o Ednon Universidade de Vigo recibe o domingo ao pechacancelas

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
S. Alcázar DUVI 30/10/2009

Ensaio, golpe de castigo, melé…son palabras que forman parte da xerga do rugby coas que os participantes no curso de iniciación terán que familiarizarse. Esta iniciativa ten o seu precedente no ano 2007, cando o curso estaba dirixido en exclusiva a mulleres, que acadou un total de 30 matriculadas. Nesta segunda edición poden participar tanto mozos coma mozas que estean vinculados ao deporte e formen parte da comunidade universitaria. Non é necesario ter ningún tipo de coñecemento previo ou aptitudes físicas especiais para poder formar parte deste curso, posto que se trata dunha introdución ao mundo do rugby. “Este curso está formulado a nivel de iniciación e de contacto con este deporte” comentou Javier Rial, responsable do Servizo de Deportes.

Contido do curso

Aníbal Babini, adestrador do Ednon Universidade de Vigo, impartirá este curso de iniciación no que os participantes recibirán dúas charlas técnicas nas que aprenderán as normas básicas deste deporte e practicarán diferentes xogadas propias desta disciplina como as posicións fixas e móbiles, as técnicas de defensa e a iniciación ao xogo aberto, entre outras. Para rematar o curso e poñer en práctica os coñecemtos adquiridos, os participantes xogarán un torneo de rugby a sete onde competirán pola vitoria. A totalidade do curso desenvolverase no campo de herba sintética do campus de Vigo en horario de 14.00 a 17.00 horas.

Matrícula aberta ata o 4 de novembro

Os interesados neste curso que pertenzan á comunidade universitaria teñen de prazo ata o vindeiro mércores catro de outubro para inscribirse e poden facelo no servizo de deportes da Universidade. O prezo desta actividade é de 20 euros, coa que se poderá obter ademais dous créditos de libre configuración, ou ben un ECTS.

O Ednon Universidade de Vigo recibe o domingo ao pechacancelas

Para os xa iniciados nesta disciplina, o Ednon Universidade de Vigo recibe esta fin de semana, dende o cuarto posto da División de Honra B, ao Durango na terceira xornada da liga.
O encontro será na casa, o domingo ás 11.30 horas ante un rival que se atopa no último posto da táboa tras perder na pasada fin de semana por 3-26 ante o FC Barcelona. Con todo, dende o club chaman á precaución “polo parello desta liga”.
Pola súa banda, o equipo da 1ª Territorial Galega desprázase para xogar o sábado en A Malata ante o CR Ferrol ás 16.30 horas, despois de que na pasada fin de semana o encontro ante o Fendetestas non se desputase finalmente pola falta no campus dun médico e unha ambulancia, situación ante a cal o árbitro decidiu dar o partido por gañado por 0-7 a favor dos visitantes.