DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita será na praia de Patos os días 27 e 28 de febreiro

O Servizo de Deportes convida á comunidade universitaria a practicar surf

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
D. Besadío DUVI 04/02/2010

Estudantes, profesores e persoal de administración e servizos teñen este mes unha nova oportunidade de achegarse ao surf de xeito totalmente gratuíto. Baixo o nome Bautismo de Surf 2010 o Servizo de Deportes,en colaboración coa Federación Galega de Surf e a Escola Prado Surf, pon en marcha unha nova edición dunha actividade que xa é un clásico da programación do servizo.
Nesta ocasión a cita será o 27 e 28 de febreiro na praia de Patos en Nigrán, se ben a primeira xornada estará especialmente dedicada aos estudantes Erasmus, que terán así a oportunidade de achegarse, da man de técnicos titulados, a un deporte que conta cada vez con máis adeptos na nosa comunidade.

Inscrición ata o día 23 nos tres campus

O esquema teórico – práctico de cada unha das clases, de dúas horas de duración, consistirá nunha primeira hora máis teórica na que se lles explicará aos participantes o material a utilizar, as normas básicas de seguridade na auga e a importancia do quentamento muscular e os estiramentos e, chegado este punto, os alumnos e alumnas xa estarán preparados para entrar na auga a realizar a práctica de remada, a toma de ondas deitados e o que todos agardan: a práctica do stand up.
A inscrición, que pode facerse ata o vindeiro día 23 nos servizos de deportes dos tres campus, inclúe a licenza federativa mensual, o seguro de responsabilidade civil e accidentes, a táboa de surf, o neopreno e a licra.