DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con prazo de solicitude ata o venres 5 de xuño

O Servizo de Deportes convoca nove bolsas de colaboración para o vindeiro curso

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Lucía Costas DUVI 02/06/2009

Un total de nove bolsas son as que oferta, para o curso 2009/2010, o Servizo de Deportes para colaboradores deportivos no campus de Vigo. O obxecto destas axudas, convocadas pola Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes, é o desenvolvemento e organización das distintas actividades e competicións programadas, ocupándose da súa difusión e seguimento no ámbito universitario, así como a recollida de datos para as enquisas de avaliación do Servizo. Do mesmo xeito, tamén actuarán como colaboradores na organización de eventos, debendo respectar todos os regulamentos e normas de réxime interno que afectan ás competicións, ao Servizo de Deportes e á propia Universidade.
O período de prestación da colaboración comezará o 18 de setembro de 2009 rematando o 29 de maio de 2010. Sete das bolsas son para eventos e distribución de información no campus Lagoas Marcosende, unha para o campus histórico e outra para eventos e tenis de mesa. A contía de cada unha das axudas será de 640 euros, tramitando o seu pagamento en dous prazos, o 50% no mes de decembro de 2009 e a metade restante en maio de 2010.

Prazos e solicitude

Aqueles interesados en levar a cabo este labor deberán cubrir o impreso de solicitude, que se pode recoller nos diferentes rexistros da Universidade ou no propio Servizo de Deportes, e entregalo antes deste venres 5 de xuño nos rexistros da institución, xunto coa seguinte documentación: certificado que xustifique ser alumno da Universidade no curso 2008/2009, o currículo en materia deportiva e a indicación das colaboración anteriores co Servizo de Deportes.

Requirimentos e valoracións

Para poder aspirar a algunha destas nove bolsas débese ser estudante de calquera titulación oficial da Universidade, no campus vigués, no curso 2008/2009 e 2009/2010, pola súa parte, a persoa destinada ao campus histórico deberá cursar estudos nunha titulación impartida nel. Así mesmo, non se poderá simultanear o goce desta axuda con calquera outra convocada pola Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes.
Polo que respecta ás valoracións das solicitudes, estas serán avaliadas por unha comisión presidida pola vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes ou persoa en quen delegue, actuando como vocais o técnico superior de actividades deportivas, un técnico de actividades deportivas do campus de Vigo, un representante do sector do alumnado e un membro da Comisión de Extensión Universitaria. Os criterios que considerará o tribunal cualificador serán dous dos documentos entregados coa solicitude, o currículo en materia deportiva e as colaboracións anteriores co Servizo de Deportes, podendo requirir en calquera momento as certificacións oficiais da documentación presentada.

Máis información