DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Servizo de Deportes oferta cinco bolsas para colaboradores nos centros universitarios

Os alumnos seleccionados ocuparanse da difusión e seguemento das súas actividades

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Camino Carballeira DUVI 17/06/2009

Cinco bolsas de colaboración, unha por cada facultade ou escola, son as que ofrece a Vicerreitoría do campus de Pontevedra para aquelas persoas que o vindeiro curso 2009/2010 queiran participar e axudar a organizar e difundir as actividades do Servizo de Deportes.
A convocatoria destras prazas, segundo explica a directora da Área de Extensión Cultural e Estudantes, Ana Belén Fernández Souto, “realízase nos tres campus da Universidade e serve para promocionar nos centros as actividades deportivas que se realizan”. As iniciativas das Escolas Deportivas, a organización dos torneos ou das ligas universitarias, entre elas.
Basicamente, os colaboradores encargaranse de difundir nos seus centros (Facultades de Belas Artes, Ciencias Sociais e da Comunicación e Ciencias da Educación e de Deporte e Escolas de Fisioterapia e Enxeñaría Técnica Forestal) todas estas actividades mediante a pegada de carteis. Así mesmo, colaborarán na organización dos torneos, seguindo os regulamentos e normas de réxime interno que afectan ás competicións, ao Servizo de Deportes e á propia Universidade.
A contía de cada unha das axudas será de 640 euros, tramitando o seu pagamento en dous prazos, o 50% no mes de decembro de 2009 e a metade restante en maio de 2010.
Os aspirantes deben ser estudantes de calquera titulación da Universidade no campus no curso 2009/2010 e non gozar de ningunha outra bolsa convocada pola Vicerreitoría do campus. O período de prestación da colaboración comezará o 22 de setembro e abranguerá ata o 29 de maio do ano seguinte.

Prazo ata o día 23

A presentación das solicitudes poderá realizarse ata o vindeiro día 19 nos rexistros da Universidade e no propio Servizo de Deportes, situado no pavillón universitario. Os candidatos deberán presentar o formulario de solicitude da bolsa, un certificado de ser estudante da Universidade no curso 2008/2009 (que se complementará cando realicen a inscrición no vindeiro curso), un currículo deportivo, avalado documentalmente, e unha breve recensión sobre anteriores colaboracións co Servizo de Deportes

Comisión de avaliación

Dez días despois de que remate o prazo de presentación das solicitudes, a comisión de valoración fará pública lista provisoria de aspirantes seleccionados. Esta estará presidida polo vicerreitor do campus, ou persoa en que delegue, e contará con representantes do Servizo de Deportes do campus, do alumnado e da comisión de Extensión Universitaria. O currículo en clave deportiva e as anteriores colaboracións realizadas serán os criterios que guiarán a selección.