DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Servizo de Deportes ofrece a posibilidade de iniciarse no exercicio físico de xeito gratuíto

Cun prezo de 60 euros, a tarxeta deportiva universitaria inclúe importantes descontos durante todo o

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Romina Vázquez DUVI 09/10/2008

Xa non hai escusas para non practicar exercicio físico, pois ao longo da segunda quincena deste mes o Servizo de Deportes organiza unha serie de actividades de iniciación que, de xeito gratuíto, pon a disposición da comunidade universitaria. Trátase dunha oportunidade única para tomar contacto con deportes tan diversos como o aeróbic, o footing, o bádminton, a escalada, o aquaeróbic ou a petanca, seis modalidades distintas para adaptarse a todos os gustos. Para tomar parte en calquera das sesións só é necesario achegarse ata o lugar onde se desenvolven no horario sinalado.
Todas as actividades previstas levaranse a cabo nas instalacións do propio campus, xa que “un dos obxectivos é promocionar os recursos dos que dispomos”, tal como explica Javier Rial, responsable do Servizo de Deportes.

Seis modalidades deportivas

O Día do Aeróbic será o encargado de dar por inauguradas estas xornadas cunha master class de salsa e ritmos latinos que se desenvolverá no pavillón de deportes o vindeiro 16 de outubro ás 18.00 horas. Será este mesma instalación a que acolla entre os días 20 e 23 a Semana do Bádminton e da Escalada, en horario de 16.00 a 18.00 horas.
Pola súa banda, o Día do Footing proporcionará en tan só unha hora os coñecementos necesarios para iniciarse neste deporte, a través de consellos sinxelos para evitar lesións, elixir o calzada máis axeitado e adquirir nocións sobre o ritmo e os métodos de adestramento. Para adaptarse a todas as necesidades, esta actividade, que terá lugar na pista exterior do campus, desenvolverase tanto en horario de mañá, de 13.30 a 14.30, como de tarde, de 18.00 a 19.00 horas.
Como non podía ser doutro xeito, a piscina universitaria, situada no Centro Deportivo, acollerá a xornada de iniciación ao aquaeróbic, “unha das modalidades que dende o Servizo de Deportes tratamos de promover”, apunta Rial.
Por último, durante as dúas últimas semanas do mes, é dicir do 20 ao 31 de outubro, celebraranse as sesións de petanca en horario de 16.00 a 18.00 horas. Trátase da única actividade que precisa de inscrición previa, polo tanto para tomar parte nela haberá que apuntarse no Servizo de Deportes.

Importantes descontos coa Tarxeta Deportiva Universitaria

Cun prezo de 60 euros por curso, a tarxeta universitaria ofrece importantes descontos nas actividades organizadas polo Servizo de Deportes: un 20% nas Escolas Deportivas, un 10% nos programas Delecer e Augaventura e un uso gratuíto en todos os horarios da sala cardio-fitness, pistas de tenis, atletismo, tenis de mesa e rocódromo. Do mesmo xeito, ofrece prezos especiais no uso doutras instalacións propias como o pavillón ou os campos de fútbol e rebaixas en centros e entidades colaboradoras.
Para solicitala só hai que cubrir o formulario de inscrición e o cuestionario PAR-Q, que permite avaliar a aptitude para a actividade física. Esta documentación deberá ir acompañada por unha fotografía recente, unha fotocopia do xustificante de ser membro da comunidade universitaria e o resgardo de pagamento da tarxeta.