DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita será o 22 e 23 de xaneiro

O Servizo de Deportes organiza as I Xornadas da Actividade Física e Saúde

Co obxectivo de concienciar sobre as consecuencias negativas do sedentarismo

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
D. Besadío DUVI 18/01/2008

Co obxectivo de concienciar á comunidade universitaria das consecuencias negativas do sedentarismo o Servizo de Deportes organizou para o vindeiro día 22 as I Xornadas de Actividade Física e Saúde nas que se informará a cada participante sobre o seu estado físico a través dunhas sinxelas probas.
Nesta xornada, dirixida a persoas entre 15 e 69 anos, avaliaranse aspectos como a composición corporal, a forza muscular, o equilibrio, a flexibilidade e a resistencia. A cita será no Pavillón Universitario de 13.00 a 15.00 horas e contarase coa colaboración do doutor Juanjo Crespo, médico especialista en Medicina Deportiva.
O día seguinte á realización das probas, ás 14.00 horas nas instalacións do Servizo de Deportes, os participantes poderán comentar os resultados obtidos e recibirán a través dun informe persoal as oportunas recomendacións co fin de mellorar a súa saúde.

Completa valoración do estado físico

Dende o Servizo de Deportes destacan a importancia de levar un estilo de vida activo, pois aspectos como a composición corporal poden estar relacionados cun risco elevado de sufrir enfermidades cardiovasculares e diabetes tipo II, así como problemas de autoestima e depresión. Ademais, carencias no equilibrio están asociadas a unha mobilidade reducida e poden levar a unha diminución do nivel de exercicio e a unha falta de confianza nun mesmo por temor a caer.
Nas probas valorarase tamén a resistencia, xa que a aparición rápida da fatiga reduce o tempo para efectuar independentemente actividades tanto na vida laboral como na doméstica ou de tempo libre; a forza muscular, necesaria para subir os chanzos dunha escaleira ou mover obxectos pesados, ou a flexibilidade, que evita o acurtamento dos movementos articulares que están asociados, por exemplo, cun maior risco de sufrir dores nas costas.
A actividade será gratuíta e as persoas interesadas deberán achegarse ata o Pavillón con roupa e calzado deportivo. A inscrición pode realizarse persoalmente no Servizo de Deportes do campus de Vigo ou por correo electrónico en saudeportes@uvigo.es