DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Servizo de Deportes planta cara á vida sedentaria na primeira edición das Xornadas da Actividade Física e Saúde

A actividade conta cun amplo respaldo da comunidade universitaria

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
D. Besadío DUVI 22/01/2008

O novo ano trae consigo novos propósitos e, pese a estar a piques de comezar os exames, a comunidade universitaria deu un amplo respaldo á iniciativa do Servizo de Deportes para plantar cara ao sedentarismo e concienciar a estudantes, pdi e pas da importancia de realizar exercicio físico. Así foron máis de cincuenta persoas as que este martes acudiron ao Pavillón de Deportes para participar nas I Xornadas da Actividade Física e Saúde.
Román Lago, responsable da unidade de Actividade Física Personalizada da Área de Deporte e Saúde, explicou que “intentamos facer algo moi práctico, pois a nivel teórico todo o mundo sabe que facer exercicio físico é bo pero, na realidade, moi pouca xente se anima a facelo.”
As probas incluíron o cumprimento dun cuestionario para descartar algún tipo de risco ou patoloxía que puidesen ter os participantes. O doutor Juan Crespo, especialista en Medicina Deportiva, foi o encargado de valoralo e indicar se algunha das probas non era recomendada nese caso concreto. Avaliou o peso, a talla, o perímetro da cintura, e, dependendo das características da persoa, a tensión arterial e o nivel de glicemia.
Unha vez rematada esta parte de composición corporal, os participantes iniciaron unha serie de probas para medir diferentes aspectos: a forza dos membros superiores, equilibrio, forza e resistencia abdominal, flexibilidade, forza nas pernas e resistencia.
Camiñar durante dous quilómetros foi a última proba á que tiveron que facer fronte os participantes. O tempo empregado e a frecuencia cardíaca son dous aspectos que permitirán valorar os niveis de resistencia de cada participante.

Animados á práctica deportiva

Segundo Román Lago, o que se intenta nesta xornada é aconsellar aos participantes sobre as prácticas deportivas que mellor se axustan ao seu perfil e que poidan encaixar facilmente na súa vida diaria, algo que non sempre é doado debido a problemas de tempo, organización familiar, etc. “Normalmente un acórdase só cando lle veñen os problemas, é dicir, cando non pode subir unhas escaleiras porque se cansa ou porque non ten a suficiente axilidade para actividades tan cotiás coma pór os calcetíns.”, comentaba.
Miguel Ángel Nombela, director da Área de Estudantes e Deportes e usuario do programa En boa forma, foi un dos participantes na proba. “Queremos pór en valor que a práctica deportiva habitual é unha forma saudable de vida e estamos seguros de que tamén mellora o rendemento académico e profesional. É unha aposta máis nesta liña”.
Francisco Cora e Fátima Gómez, estudantes na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, son usuarios habituais das pistas de tenis. “Decidímonos a vir para ver a que outras posibilidades podemos optar”, comentaba Gómez.
Os alumnos non só ven na actividade física as consecuencias para a saúde senón que veñen por outro tipo de obxectivos: valorar a súa condición física e coñecer cal que o deporte que mellor se adapta ás súas necesidades e aptitudes. No caso dos pas e pdi os temas da saúde cobran moita máis importancia. “Son xente de máis idade, conscientes de que practicar deporte é básico para gozar de boa saúde”.

Xornada de valoración

A xornada continuará o mércores coa posta en común nunha aula dos resultados das probas. Cada participante vai ter un informe persoal no que se valorará que posibilidades ten de incorporar a actividade física na súa vida diaria. Tamén se informará sobre canto exercicio se debe facer, de que forma, e sobre diferentes estratexias para plantarlle cara ás principais dificultades coas que nos enfrontamos á hora de comezar a realizar exercicio físico: falta de tempo, monotonía, sensación de que non se é capaz, carencia de hábito... “para cada unha destas escusas temos a contrarréplica. Trátase de axudarlle á xente a ver que sempre hai un camiño que non ten porque ser necesariamente o exercicio estruturado nun ximnasio. O importante é a acumulación da actividade física ao longo da semana, que pode ir dende ir andando ao traballo, a subir as escaleiras ou facer as tarefas do fogar.