DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumando do grao en ADE participa no IP de AFECA celebrado este 2013 en Bruxelas

Sete anos representando a España nun dos mellores programas intensivos de contabilidade de Europa

A Association des Formations Européennes à la Comptabilité et à l'Audit cumpre dúas décadas

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría DUVI 01/10/2013

45 estudantes da licenciatura e o grao en Administración e Dirección de Empresas da Universidade de Vigo participaron desde o ano 2007 no Programa Intensivo de Contabilidade Internacional organizado pola Association des Formations Européennes à la Comptabilité et à l'Audit (AFECA), un organismo creado hai agora dúas décadas que agrupa a 14 universidades europeas e unha norteamericana coa finalidade de promover a educación internacional do alumnado e a colaboración científica no campo da contabilidade. Da man, un ano máis desde hai sete, da profesora do departamento de Economía Financeira e Contabilidade da Universidade de Vigo, Belén Fernández-Feijoo, este mes de setembro sete estudantes de ADE participaron durante dez días no programa intensivo de AFECA que se desenvolveu en Bruxelas onde se deron cita máis de 120 estudantes e unha trintena de docentes e expertos de 14 países europeos e EEUU. Dáse a circunstancia de que a de Vigo é a única universidade española que participa neste programa intensivo que Belén Fernández-Feijóo lembra “está valorado como o mellor IP de Francia e un dos mellores da Unión Europea da que segue a recibir financiamento”.

Un mes antes do inicio do programa os sete estudantes da Universidade de Vigo que viaxaron a Bruxelas dedicaron unhas trinta horas de traballo a preparar unha presentación do seu país, a súa cidade, a súa universidade, así como á resolución dun caso de acordo coa normativa contable do país. “O obxectivo final é a valoración das diferenzas que xorden da aplicación das diferentes lexislacións contables de xeito que se reflicte a importancia e o alcance do proceso de homoxeneización europeo no ámbito contable e da auditoría”, explica a docente da Universidade de Vigo que tamén destaca a importancia que o programa outorga ao longo dos seus dez días de duración ao fomento das relacións sociais entre estudantes de varios países, “unha actividade fundamental na vertebración e a asunción de sinais de identidade europeas”, sinala.

O programa que se desenvolve integramente en inglés, comeza coas presentación do alumnado que a continuación se integra en grupos internacionais nos que resolven diferentes casos de contabilidade, auditoría e análise financeira para o que utilizan a información contable elaborada segundo as normas internacionais. “Coñecemento e capacidade de traballo”, son segundo a docente os principais valores dos representantes vigueses no programa no que deixan mostra todos os anos “dun nivel en contabilidade e auditoría sobresaínte”. Pola contra, no ‘debe’ Belén Fernández- Feijóo sinala, por unha banda o nivel de inglés “aínda que os estudantes que levei este o tiñan moi bo ” e pola outra as exposicións ante público que “custan moito”.

Unha experiencia que tenta mellorar a empregabilidade do alumnado

Tras sete anos participando cos seus estudantes no programa Belén Fernández-Feijóo considera que esta é unha gran experiencia para eles tanto académica como persoal. “Entre eles establécese un vínculo para toda a vida porque teñen unha convivencia moi intensa durante os dez días que dura o programa, non só nas clases, senón tamén fóra delas”, explica a profesora do departamento de Economía Financeira e Contabilidade da Universidade de Vigo que tamén destaca a aposta por mellorar a empregabilidade do alumnado que representa este programa no que desde hai anos participan empresas como Metro Cash and Carry ou as grandes firmas da auditoría.”Se unha empresa colabora no programa e precisa contratar persoal que un candidato a un posto inclúa no seu CV a súa participación en AFECA é unha referencia importante e unha característica diferenciadora respecto doutros”, detalla Fernández-Feijóo.

Romanía, Hungría, Lituania, Alemaña, Austria ou Luxemburgo son algúns dos países que nos últimos anos acolleron a celebración do programa intensivo AFECA no que ao longo dos seus vinte anos de existencia participaron un millar de estudantes.