Foron presentadas por investigadores da EE Forestal na reunión de ‘MeetYourForest’
Sete boas practicas dos montes galegos para un proxecto europeo que busca espertar o interese polos bosques
Serán recollidas nunha publicación, xunto a iniciativas norueguesas, finesas e portuguesas
Reverter, nun contexto marcado polo despoboamento do rural, a falta de interese da cidadanía polos bosques a través dun conxunto de accións que permitan dar a coñecer o seu valor económico e ambiental é o obxectivo principal do proxecto europeo MeetYourForest, no que toman parte, baixo a coordinación do Concello de Salceda de Caselas, socios de catro países, entre os que se atopa a Escola de Enxeñaría Forestal. Como paso previo ao desenvolvemento de diferentes accións divulgativas, un dos obxectivos deste proxecto Erasmus+ era o de identificar boas prácticas e exemplos de usos innovadores e sostibles dos bosques, que se compilarán nun manual sobre xestión forestal. A posta en común das iniciativas compiladas en Galicia, Noruega, Finlandia e Portugal constitúe un dos eixos centrais da reunión de traballo que o proxecto desenvolve nestes días na Escola Superior para a Agricultura e o Desenvolvemento Rural (HLB) da localidade norueguesa de Bryne.
Este conxunto de experiencias compilaranse nunha publicación, que será un dos resultados, xunto a un curso online, unha plataforma virtual e eventos de difusión, dun “proxecto fundamentalmente divulgativo”, como lembra o director da EE Forestal, Juan Picos, que participa nesta reunión xunto á subdirectora e coordinadora da participación da escola en MeetYourForest, Ángeles Cancela. Seleccionado na convocatoria de proxectos de cooperación no ámbito da educación de adultos do programa Erasmus+ e financiado con preto de 295.000 euros, nesta iniciativa participan tamén a Asociación Portuguesa de Educación Ambiental (Aspea), a Universidade de Ciencias Aplicadas Hamk Häme, de Finlandia, e a empresa AtinServices como socio tecnolóxico, xunto á escola da UVigo, a Escola de Agricultura e Desenvolvemento Rural norueguesa e o Concello de Salceda.
Sete exemplos a exportar desde Galicia
Xunto cunha análise da situación global na que se atopa o sector forestal en Galicia, Cancela e Picos achegaron a esta xuntanza “sete boas prácticas e exemplos de melloras na xestión forestal en diferentes ámbitos, da agrupación ou a xestión de usos múltiples, ás medidas políticas...”, explica o director da EE Forestal. Nese senso, destaca o positivo deste tipo de proxectos tanto á hora de atopar outros “modelos inspiradores”, como o de pór en valor internacionalmente “que en Galicia, onde temos 600.000 propietarios forestais, hai xente facendo as cousas moi ben”.
Concretamente, no referido aos grupos de xestión conxunta, a EE Forestal puxo en valor a traxectoria da sociedade de fomento forestal Somos Cuns, do municipio coruñés de Outes, e o seu proxecto para que as empresas poidan compensar a súa pegada de carbono; mentres que no referido aos “usos múltiples” dos bosques resaltaron o labor da CMVMC de Baroña, en Porto do Son, en eidos como a micoloxía, a extracción de resina ou o uso de cabalos. No referido aos usos sociais, o informe destaca o traballo da Mancomunidade de Montes de Vigo, mentres que en materia de “xestión activa do bosque e mobilización de madeira”, o da peme ourensá Ametlam.
Nesta selección, Picos e Cancela incluíron tamén a ferramenta dixital de trazabilidade Fortra, impulsada pola Xunta de Galicia, como unha “innovadora solución tecnolóxica” para a posta en valor dos produtos baseados en madeira, mentres en materia de políticas públicas, sinalaron como exemplo a Lei 11/2021 para a recuperación da terra agraria de Galicia. Por último, no referido á prevención de incendios, salientaron o proxecto europeo Firepoctep, que reúne 21 institucións de España e Portugal no deseño dunha estratexia común de actuación e prevención fronte aos grandes lumes forestais.