DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nas 'VIII Xornadas sociedade e dereito. Historia e memoria do réxime de Franco'

Sete días para a análise multidisciplinar do franquismo

O encontro reunirá a preto de 30 conferenciantes do 4 ao 15 de abril

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 18/03/2011
Pasaron xa 72 anos do inicio do réxime franquista e 36 anos desde o seu fin e sen embargo quedan moitos aspectos por coñecer e investigar desta época decisiva da historia de España. Con esta idea, a Facultade de Dereito e a Asociación Galega de Estudios Xurídicos organizan as VIII Xornadas sociedade e dereito. Historia e memoria do réxime de Franco. Un encontro multidisciplinar que intentará botar luz sobre catro décadas de ditadura.

A xornada, que se celebrará os días 4, 6, 8, 11, 13, 14 e 15 de abril, reunirá a destacados especialistas en dereito, historia, política e cultura para reflexionar sobre a orixe, evolución e final do réxime franquista. Segundo salienta José Agustín González-Ares, coordinador da iniciativa, “aínda que afastado no tempo, este período da historia do noso país está moi presente na memoria colectiva e as súas consecuencias teñen decote influencia sobre a actualidade, xerando un enorme volume de investigacións que non deixan de formular interrogantes”.

Nestas xornadas daranse cita especialistas da Universidade de Vigo e doutras institucións académicas, avogados, xuíces, xornalistas e representantes de colexios profesionais, políticos como o fundador de Izquieda Unida, Manuel Peña-Rey, o vice Valedor do Pobo, José Julio Fernández ou a directora do Instituto da Muller, Laura Seara.

Autarquía, represión e máis temas

O encontro pretende reflexionar sobre a orixe, evolución e final do réxime que se instaurou en España durante case corenta anos, abordando nos distintos relatorios diversos aspectos históricos, políticos, sociais, culturais e ideolóxicos dun sistema baseado no poder do xeneral Franco, próximo ao fascismo nos anos corenta e ás ditaduras “desarrollistas” nos sesenta, segundo salientan os organizadores do encontro.

A muller no franquismo, as cárceres e a represión na posguerra, a autarquía, o papel da monarquía, a lei de prensa de 1966 e a conformación do sistema de Seguridade Social nos sesenta serán algúns dos aspectos que se abordarán nas preto de 30 conferencias que se celebrarán ao longo dos sete días de duración das xornadas.

Un amplo programa dirixido a estudantes, posgraduados, profesionais e público en xeral “deseñado co obxectivo de enriquecer a oferta académica e cultural de Ourense no marco universitario”. Comezará o día 4 de abril coa presenza de Miguel Ángel Michinel, decano da Facultade de Dereito; Emilio Atrio, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, e María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense.