DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Clausúranse as VIII 'Xornadas sociedade e dereito. Historia e memoria do réxime de Franco'

Sete días que axudaron a botar luz sobre case catro décadas de ditadura

Arredor dun cento de universitarios asistiron ás conferencias

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 15/04/2011
Cando comezaron as VIII Xornadas sociedade e dereito. Historia e memoria do réxime de Franco, os preto de cen estudantes inscritos apenas coñecían do franquismo os seus datos esencias e as impresións transmitidas por familiares. Despois de sete días de intensas sesións, a súa visión desta etapa é agora moito máis detallada e rica e coñecen en profundidade un momento histórico que xa non lles tocou vivir pero que foi moi importante na historia de España. Para acadalo, contaron con 27 expertos que lles ofreceron unha perspectiva obxectiva e fóra de "revisionismos" de case corenta anos de ditadura.

As xornadas, organizadas pola Facultade de Dereito e a Asociación Galega de Estudos Xurídicos, celebráronse do 4 ao 15 de abril e contaron coa participación de destacados especialistas en dereito, historia, política e cultura para reflexionar dun xeito interdisciplinar sobre a orixe, evolución e final do réxime franquista. No peche este venres das conferencias, José Agustín González-Ares, o seu director, quixo salientar “a extraordinaria acollida que tivo esta edición tanto por parte dos asistentes coma por parte dos relatores. Tivemos o privilexio de contar coa participación de destacados expertos nos diferentes temas abordados e coa asistencia de arredor dun cento de estudantes moi participativos e receptivos a todo o que se lles foi explicando”, destacou.

González-Ares sinalou que estas xornadas axudaron, “fóra do revisionismo que pretende edulcorar esta etapa”, a botar luz dun xeito obxectivo sobre a historia do franquismo. Ademais, indicou, permitiron aos universitarios asistentes, nacidos xa en democracia, entender este período grazas ás conferencias impartidas por expertos como Laura Seara, directora xeral do Instituto da Muller; catedráticos como Roberto L. Valdés, Luis Rodríguez, Jaime Cabeza e Ana Mª Tobío, e numerosos profesores e profesionais da avogacía.

Memoria visual

As xornadas, salientaron os seus organizadores, contaron tamén cun apartado de memoria audiovisual, que permitiu aos universitarios ver producións como Raza e Franco, ese hombre, de José Luis Sanz ou Caudillo, de Basilio Martín. Entre as conferencias proxectáronse ademais arredor de 300 imaxes e escoitáronse numerosos anuncios de publicidade, cancións e outros documentos sonoros representativos do franquismo.

Para pechar as VIII Xornadas sociedade e dereito este venres achegáronse á Facultade de Dereito Arturo González, decano do Colexio de Avogados de Ourense, e Luís Míguez, decano da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela. Durante a súa intervención, Arturo González analizou o beneficio da pobreza, o dereito dunha viúva e os seus fillos ou outra persoa sen recursos a ter unha defensa gratuíta nos preitos. O decano dos avogados ourensáns explicou como durante a época franquista o estado non asumía os custes desa defensa, quedando en mans da avogacía, e como non foi ata a constitución de 1978 cando se recoñeceu este dereito da cidadanía e se estableceu un pago pola súa realización. Pola súa banda, o decano da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela analizou a modernización administrativa no réxime de Franco.