DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Abertos á cidadanía, abordan temas como a desinformación, a intelixencia artificial ou o ciberacoso

Sete novos obradoiros renovan a programación de extensión universitaria do campus

Outros céntranse na creación téxtil, a experimentación sonora, o libro de artista e no tenis e pádel

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • TIC
  • Académica
DUVI Pontevedra 05/02/2024

Abertos a toda a cidadanía, a programación de obradoiros de extensión universitaria da Vicerreitoría para este segundo cuadrimestre está conformada por sete propostas que se ofertan por primeira vez no campus pontevedrés. Neste abano de propostas, que permiten tamén ampliar a formación do alumnado en diferentes eidos, figuran talleres centrados nas ciberagresións en contextos escolares, na loita contra a desinformación e na xeración de contidos con intelixencia artificial, así como na experimentación sonora, a creación téxtil con pistolas tufting gun e a elaboración de libros de artista, xunto cun curso de iniciación a tenis e pádel.

Cun centenar de prazas no seu conxunto, a inscrición nestes sete obradoiros poderá realizarse entre este luns 5 de febreiro e o venres 16 de febreiro na plataforma Campus Activo. Recoñecidos cun crédito ECTS por cada 30 horas de traballo, teñen un prezo de matrícula de 40 euros para o público xeral, de 26 para a comunidade universitaria e de 32 para outros colectivos vinculados á UVigo.

Tres propostas centradas na creación

Tres destes talleres desenvolveranse nos próximos meses na Facultade de Belas Artes. O primeiro, Tuft & Furious 2.0, terá lugar entre o 19 e o 23 de febreiro e propón unha introdución avanzada ao traballo coas pistolas de fío tufting gun, así como a súa aplicación na creación dun tapiz ou alfombra con volumes, da man do artista e docente Marcos Covelo e a deseñadora téxtil Miriam Cartagena. Por outra banda, entre o 4 e o 22 de marzo desenvolverase Experimentación e expresión sonora, no que a artista e docente Iria Vázquez e o deseñador sonoro Marco Maril introducirán ao alumnado nas disciplinas da arte e o deseño sonoro, co obxectivo que poidan achegarse ao son desde un punto de vista artístico. Co inicio tamén previsto para o 4 de marzo, nesta facultade desenvolverase ademais Relacións proceso creativo-terapéutico. O libro de artista como fío condutor, un curso dirixido pola profesora Lucía Romaní que propón unha introdución ao concepto de libro de artista e a creación dun “proxecto persoal orixinal a través dun proceso de autocoñecemento”.  

Intelixencia artificial e desinformación

A Aula de Novas Tecnoloxías da Vicerreitoría será escenario, entre o 22 de febreiro e o 15 de marzo, de Intelixencia artificial xenerativa para creadores de contidos, un curso dirixido polo profesor da Facultade de Comunicación Javier Abuín que amosará como empregar diferentes ferramentas de intelixencia artificial “para buscar inspiración e creatividade” e crear contidos para redes sociais. Dirixido polo tamén profesor deste centro Alberto Dafonte, entre o 4 de abril e o 7 de maio, a Facultade de Comunicación acollerá o obradoiro Autodefensa contra a desinformación, no que participan tamén a docente Mabel Míguez e a xornalista Vivian Rangel, de Maldita Educa. O obxectivo deste curso é tanto afondar no fenómeno da desinformación como iniciarse no manexo de ferramentas de verificación de contidos. 

Tenis, pádel e “ciberconvivencia”

Outra das novidades é Iniciación aos deportes de raqueta e pa, que se desenvolverá na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte entre o 22 de febreiro e o 18 de abril. Dirixido polo profesor Iván Prieto, este curso permitirá iniciarse tanto nos golpes básicos do tenis e do pádel como no seu regulamento. Finalmente, entre o 25 de abril e o 6 de xuño, a Vicerreitoría acollerá o obradoiro CiberconvivenciaImpartido polo profesor de Dirección e Xestión Pública Ignacio Fernández e a psicopedagoga Leticia López, permitirá coñecer as características do ciberacoso e as ciberagresións en contextos escolares, así como técnicas de mediación escolar fronte a estas problemáticas.

Por outra banda, a Vicerreitoría tamén abre este luns 5 o prazo de inscrición para este segundo cuadrimestre no obradoiro de iniciación ao baile tradicional galego Como bailar nun serán. Neste caso, a inscrición diríxese en primeiro termo ás persoas que participaron na actividade no primeiro cuadrimestre e, no caso de quedar vacantes, o mércores 7 e e xoves 8 abriríase tamén ao público xeral.