DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Investigadores do campus realizaron unha diagnose destes espazos

Sete propostas para fomentar o uso deportivo dos encoros de Castrelo de Miño e Frieira

Co obxectivo de incentivar o seu aproveitamento

Etiquetas
  • Medios
  • PDI
  • Ourense
  • Deportes
  • Investigación
DUVI Ourense 16/07/2018

Sete medidas en tres áreas de actuación, como son a lexislativa, a loxística e a técnico-deportiva, que teñen como obxectivo fomentar a consideración da práctica deportiva como un uso habitual e natural dos encoros ourensáns de Castrelo de Miño e Frieira. Este é o resultado dun estudo de diagnose elaborado por persoal investigador da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense coa finalidade de fomentar o aproveitamento destes enclaves.

O estudo de diagnóstico sobre estes encoros foi publicado no libro de actas do II Simposio Internacional de Termalismo e Calidade de Vida, organizado no marco do Campus da Auga. “Nel identifícase a problemática existente na práctica de actividades deportivas e recreativas nestes encoros e defínense un total de sete medidas que buscan a consideración da práctica deportiva como un uso habitual e natural neles. Apóstase así pola compatibilización do uso deportivo e recreativo dos encoros cos seus usos principais”, sinalan os autores. O traballo foi feito polos profesores do Mestrado Universitario en Xestión Empresarial do Deporte Patricio Sánchez, Jesyca Salgado e Ángel Barajas no marco da elaboración do Plan Director para o Centro de Adestramento de Remo de Laias, Arnoia e Castrelo de Miño encargado polo Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico Inorde a este equipo. 

Medidas lexislativas, loxísticas e deportivas 

As augas dos encoros así como a súa contorna natural, comentan a e os investigadores do campus, representan unha oportunidade para o desenvolvemento de actividades deportivas e recreativas. Neste traballo, detallan, preséntase o caso concreto dos encoros de Castrelo do Miño e Frieira. “Desde un punto de vista técnico deportivo cumpren coas condicións necesarias para a práctica de deportes náuticos como a vela, o piragüismo e windsurf”, indican Sánchez, Salgado e Barajas. Así, lembran como nestes encoros xa se desenvolve unha activa práctica deportiva, contando con pantalán de remo, aparcamento para embarcacións e un club náutico a través do cal se organizan eventos de alto nivel, ademais de acoller seleccións olímpicas e equipos internacionais.

Trala análise da situación lexislativa, loxística e técnico-deportiva, a e os investigadores do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade propoñen sete medidas para potenciar os uso deportivo dos encoros ourensáns. A primeira delas é a solicitude da denominación de campo de regatas para estes encoros, “que implicaría escalar posicións na orde dos usos da auga”. A segunda é a realización dun decálogo de uso sustentable dos recursos naturais no desenvolvemento da práctica deportiva e a protección da avifauna. “Sempre que a actividade deportiva, turística ou recreativa se desenvolva no medio natural, é necesario regular e establecer unha normativa que protexa a fauna, a flora e neste caso tamén a masa de augas dos encoros”, recalcan os investigadores lembrando problemáticas como a das especies invasoras. 

Unha terceira proposta feita desde o eido académico é un acordo de colaboración coas federacións autonómicas e estatais correspondentes para a convivencia da práctica deportivo-recreativa e a pesca e unha cuarta é o desenvolvemento dun informe técnico sobre as variacións de cota nos encoros de Castrelo de Miño e Frieira. “O informe debe contemplar a determinación dos niveis de cota adecuados para a práctica deportiva e o deseño dun mecanismo para informar aos deportistas dos niveis de cota axeitados e que eles mesmos poidan comprobalo antes de entrar na auga”, sinálase no traballo.

Tamén propoñen a e os investigadores o desenvolvemento dun decálogo de seguridade para o uso deportivo dos encoros de Castrelo do Miño e Frieira que estableza as medidas tanto preventivas como de actuación ante accidentes ou riscos e dos responsables do cumprimento das accións en cada caso. A adhesión e colaboración coas propostas de entidades oficiais que persigan mellorar e facilitar o procedemento de matriculación e a regulación do uso deportivo e recreativo para o público en xeral dos encoros son as últimas das medidas contempladas.