DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Terá lugar o sábado 19 de febreiro

A sexta ruta cultural deste curso achegarase ao Camiño da Geira e dos Arrieiros

A inscrición está aberta aos membros da comunidade universitaria e á cidadanía en xeral

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 10/02/2022

A programación de rutas culturais organizada neste segundo cuadrimestre pola Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo está centrada na realización de tramos de cinco dos Camiños a Santiago de Compostela, coincidindo coa conmemoración de 2022 como Ano Xacobeo. Se o pasado 29 de xaneiro o protagonista foi o Camiño Portugués pola costa, o vindeiro 19 de febreiro os roterios universitarios achegaranse ao Camiño da Geira e dos Arrieiros (Camiño Miñoto Ribeiro), na provincia de Ourense. Con 80 prazas dispoñibles para os tres campus da institución académica, na inscrición teñen prioridade os membros da comunidade universitaria pero tamén está aberta ás persoas alleas a ela.

Trátase da sexta ruta cultural deste curso académico e terá unha dificultade media. As e os participantes seguirán o percorrido Pazos de Arenteiro, Feás, Magros e Beariz, percorrendo unha distancia de arredor de 19 quilómetros. “Coñécese como o Camiño da Geira ou dos Arrieiros á ruta de peregrinación que conecta as cidades de Braga con Santiago de Compostela. Un trazado de 240 quilómetros que foi recoñecido como oficial no ano 2019”, explican desde a organización das andainas. Na ruta que se celebrará o sábado 19, sinalan, “comezaremos no núcleo de interese etnográfico de Pazos de Arenteiro e continuaremos cara as nacentes do Río Avia ata chegar a Beariz, punto no que visitaremos unha das fortificacións máis espectaculares de Galicia”. No percorrido, as e os participantes terán unha acreditación ou credencial do peregrino das rutas culturais (xogando coa similitude coa compostela), que irán selando en distintas igrexas, hostais, tendas ou bares designados pola organización.

A inscrición, a través do Campus Activo da UVigo, está aberta de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior a cada ruta. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores á celebración da andaina permítese a inscrición de calquera persoa interesada. O prezo varía en función do colectivo de pertenza e cada ruta realizada recoñecerase con 7,5 h ECTS por día de duración. Todos os itinerarios para GPS poderán descargarse, xunto coas fotografías de cada ruta e toda a información complementaria necesaria, na páxina web das rutas culturais. Haberá autobuses para trasladar ás persoas participantes ao inicio de cada andaina dende os campus de Ourense, Pontevedra e Vigo.

Máis citas

Tras esta andaina, a programación de rutas culturais da UVigo continuará o 12 de marzo cunha nova andaina permitirá coñecer o Camiño Augas Sacras, un percorrido que aproveita parte da calzada romana da Vía Nova. “As e os participantes descubrirán a fermosura da Ribeira Sacra, con inicio en Castro Caldelas e remate en Doade (Sober), no marco dunha etapa de dificultade media de 18 quilómetros”, explican desde a organización. Xa o 26 deste mesmo mes chegará a quenda do camiño de máis relevancia histórica, o Camiño Francés, “ruta na que conflúen a maioría de vías medievais de peregrinación europea”. A andaina arrancará “nunha das mellores obras de arquitectura civil de todo o percorrido dende Francia, a ponte sobre o río Furelos” e continuará polas Terras de Melide ata chegar a Arzúa, nun itinerario de dificultade baixa de 20 quilómetros entre O Leboreiro, Melide e Arzúa. A programación de rutas culturais rematará o 9 de abril, co Camiño Fisterra-Muxía. Partindo da vila coruñesa de Cee e pasando por Corcubión, as e os participantes chegarán a Fisterra despois de percorrer os 18 quilómetros que configuran esta etapa.