DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense acolle dous cursos sobre educación afectivo sexual

A sexualidade, unha conta aínda pendente na formación

Participan un total de 60 estudantes universitarios

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 06/10/2011
“En contra do que se puidera pensar, na nosa sociedade aínda temos unha conta pendente coa formación en sexualidade que debemos saldar, xa que é o noso principal elemento de identidade”. Deste xeito, resumía María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense e especialista neste eido, a idea que move a celebración durante o mes de outubro de dous cursos de educación afectivo sexual aos que asistirán arredor de 60 estudantes universitarios. Durante 30 horas, os participantes afondarán en cuestións como a identidade e saúde sexual, os métodos anticonceptivos e a violencia sexual.

O primeiro dos cursos, financiados polo Instituto da Muller, terá lugar no Edificio de Ferro do 6 ao 20 de outubro e será impartido pola profesora María Victoria Carrera. Durante a súa presentación este xoves, María Lameiras animou aos asistentes a sacar todo o proveito a esta iniciativa para que cando rematen sexan “máis libres para construír a vosa identidade e máis libres para desenvolver a vosa vida afectivo sexual”. A vicerreitora do campus salientou a importancia de informarse e reflexionar sobre este eido para desenvolver unha conciencia crítica, avanzar na igualdade e ter máis control sobre a propia vida.

No campus e en Enfermaría

O curso inaugurado este xoves, ao que asisten 30 estudantes das diferentes titulacións do campus, comezou afondando en conceptos básicos sobre o sexo, o xénero e a sexualidade. A construción da identidade sexual, os estereotipos e roles de xénero, a intersexualidade, a homosexualidade, a bisexualidade ou o pracer serán algunhas das cuestións que tamén se abordarán ao longo dos días de celebración. A saúde sexual, con especial fincapé nos métodos anticonceptivos, e a violencia de xénero serán outros dos temas que se tratarán.

Paralelamente á celebración deste curso en instalacións do campus ourensán, o día 7 de outubro comezará o segundo dos cursos de educación afectivo sexual, neste caso na Escola Universitaria de Enfermaría de Ourense. A el asistirán tamén 30 persoas e estará impartido polo investigador Pablo Vallejo.