DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Música, teatro e compromiso coa muller traballadora para dar a benvida á primavera

Sidonie abre a programación cultural do segundo cuadrimestre no campus de Vigo

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 02/03/2010

O Teatro Vidal Bolaño de Cidade Universitaria arderá este xoves ao ritmo de Sidonie subindo o pano da programación cultural para o segundo cuadrimestre da Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes. O quinto disco dos cataláns, El incendio, gravado nos míticos estudos londinenses Abbey Road encherá de “sons perfectos”, como os cualifica a crítica, os oídos esixentes, de pop afastado dos circuítos comerciais pero con importantes cifras de ventas, con música psicodélica para todos os públicos.
Tras eles, dous meses intensos de música, teatro e arte pensados para o público máis esixente da comunidade universitaria pero tamén como unha ponte entre a institución e sociedade en xeral, á que a Universidade quere chegar con esta programación.

Interesantes cócteles musicais

Tras a inauguración da programación da man de Sidonie este xoves, o vindeiro 24 de marzo será o momento de Aló Irmao, un novo proxecto composto por Fran Pérez “Narf” e Manecas Costa, unha aposta pola mestura de sons galegos e guineanos. Para a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, Mª Carmen Cabeza, “unha combinación explosiva chea de ritmos evocadores que fará saltar o Vidal Bolaño, un contrapunto ao espectáculo de Sidonie” tentando responder a todas as demandas. O xa clásico Sonora Primavera, o 15 de abril, será o encargado de pechar a programación musical do curso subindo ao escenario a The Legends, unha proposta sueca moi arriscada coa experimentación musical como bandeira. Con nove músicos sobre o escenario encabezados por Johan Angergård, a electrónica apoderarase dos asistentes ávidos de creatividade e influencias dos anos 80. Como teloneiro estará o escocés Alasdair Robert, cada vez máis implicado na tradición musical das Illas Británicas.

Teatro de aquí e de acolá

Tamén con experimentación botará a andar a programación do segundo cuadrimestre no que a teatro se refire. Ao abeiro do Festival Alternativo das Artes Escénicas de Vigo, Alt10, o campus recibirá o 11 de marzo á compañía francesa Etxea cunha performance que afonda no lugar do home na súa contorna, como explica a vicerreitora a medio camiño “entre as representacións clásicas e os espectáculos de rúa”. A idea, ademais de achegar á comunidade universidade todos tipo de ofertas artísticas, é converter o campus “nun escenario máis” para este tipo de iniciativas.
Etxea deixará paso ao teatro galego de Mofa e Befa que o 8 de abril poñerán en escena Shakespeare para ignorantes acompañados por Quico Cadaval, unha “representación para non perderse”. Finalmente será a Mostra Internacional de Teatro Universitario, MITEU, a que baixe o pano do teatro por este curso, apostando polas obras creadas, adaptadas, dirixidas e interpretadas con selo universitario. Segundo apunta Cabeza, un foro tamén de contacto entre universitarios e universitarias de partes moi dispares do mundo interesados polo teatro”. As representacións desta décimo segunda edición desenvolveranseno campus de Vigo entre os días 19 e 29 de abril.

Teatro de rúa

Coa representación de Etxea como primeiro paso, o programa de actividades tamén comprende o xa clásico teatro de rúa que ameniza e entretén o xantar da comunidade universitaria nos últimos anos. Miguelillo e Circoactivo serán os convidados deste segundo cuadrimestre os días 14 de abril e 5 de maio, respectivamente, ás 14 horas na Centro Comercial de Cidade Universitaria.

Actividades do Día Internacional da Muller

Pero na programación cultural do segundo cuadrimestre a Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes implicouse tamén na celebración o vindeiro día 8 de marzo do Día Internacional da Muller. Con este motivo o 9 de marzo terá lugar na Biblioteca Central a proxección do documental Bata por fóra (muller por dentro) de Claudia Brenlla. A realizadora galega tenta con el render unha xusta homenaxe “ás mulleres galegas e ás mulleres traballadoras” como apunta a vicerreitora, cunha viaxe polos valores positivos da herdanza feminina. O simbolismo da bata de traballo é tamén obxecto, non só da cinta, senón tamén dunha exposición que se poderá visitar na propia Biblioteca Central. A gran cantidade de premios que xa ten recibido o documental avalan a calidade desta obra.