DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi elixida pola Xunta de Facultade con 35 votos a favor, tres en contra e unha abstención

Silvia García convértese na nova decana de Belas Artes cun apoio de preto do 90%

A primeira muller á fronte do Decanato propón unha exposición itinerante co gallo do 25 aniversario

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI 16/03/2015

Como unha “tremenda responsabilidade” asume a profesora Silvia García a súa elección como nova decana da Facultade de Belas Artes, despois de recibir o apoio de preto do 90% dos asistentes á Xunta de Facultade convocada para este luns. García, que nos últimos anos exerceu como vicedecana de Cultura e Relacións Institucionais, convértese con 35 votos a favor, tres en contra e unha abstención, na primeira decana na historia da facultade, no ano do seu 25 aniversario. Faino á fronte da única candidatura que concorreu a un proceso no que foron chamados a votar un total de 63 representantes do profesorado, PAS e alumnado.

Marcos Dopico, como novo vicedecano de Imaxe e Calidade; Susana Cendán, como responsable de Organización Académica e Relacións Institucionais; Carlos Tejo, como vicedecano de Relacións Internacionais e Ana María Suárez, como secretaria académica, completan o renovado equipo co que García concorreu ás eleccións na que se decidía quen tomaría o relevo do profesor Juan Carlos Meana á fronte da dirección do centro e nas que só Suárez, representante do PAS, e a propia decana electa repiten presenza con respecto da anterior dirección. Integrante do Departamento de Pintura, García foi alumna da segunda promoción da facultade, na que traballa como profesora contradada doutora desde o ano 2002 e que dirixirá durante os próximos tres anos. Un período que asume “con responsabilidade, porque sabemos que se aveciñan cambios que nos afectan e que se está a cuestionar a sustentabilidade da universidade pública”. De aí que, trala súa elección, incidise na necesidade de “a medio prazo, intentar compaxinar as melloras que se poidan facer coas novas medidas que sexa preciso encaixar”.

Maletas para levar o 25 aniversario polo mundo

García toma posesión ademais no ano no que a Facultade de Belas Artes cumpre 25 anos, efeméride que non quedou fóra da presentación das liñas de traballo que a nova decana electa realizou antes da votación. Nese senso, propuxo á Xunta de Facultade levar a cabo, dentro da conmemoración deste aniversario, unha exposición itinerante que levase o título de Unha facultade na maleta e que permita “dar a coñecer o centro alén das fronteiras”. A idea é que esta mostra sirva como “un resumo dos 25 anos” a través de 25 maletas dedicadas ás diferentes promocións, e que se propoñen “como un xeito de amosar o traballo do alumnado e tamén como a maleta coa que queremos encarar o futuro, con propostas, reflexións e manifestos do profesorado”. A idea desta iniciativa, apunta García, é “dar a coñecer a facultade fóra do contexto máis próximo”, e por ese motivo tratarase de achegar este proxecto, no que as propias maletas exercerían tanto como “soporte de transporte, contedor e peaña”, a todos os lugares posibles, tanto dentro como fóra de España.

Nesa mesma liña, García avogou por continuar potenciando nos próximos anos a relación da facultade co contexto social, “non só co local, senón tamén co empresarial e co institucional”. De aí que un dos obxectivos do novo equipo decanal sexa precisamente fomentar a colaboración da facultade coa súa contorna para que pasen a converterse “a medio prazo nun marco do que se poidan beneficiar os investigadores e do que poidan saír traballos de fin de máster ou teses de doutoramento con resultados concretos”. Non en van, “cada vez é maior a demanda social de colaboración da facultade”, o que a nova decana entende como “un marco de transferencia que se debe fomentar”.

Por outra banda, García tamén apostou por promover a creación dunha asociación de egresados e egresadas, así como por avanzar “no plan de acción titorial e no propio proceso de calidade”, despois de que o centro recibise en xaneiro a visita da comisión da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) no marco do proceso de acreditación das súas titulacións. Para García, esta liña de actuación contribuíu a “mellorar a comunicación co alumnado”, motivo polo que considera necesario afianzar o traballo neste sentido e promover “que PAS, estudantes e profesorado estean en continua comunicación, que é algo esencial”.

Un relevo coñecedor da realidade do centro

García toma o relevo do profesor Juan Carlos Meana, que viña exercendo como decano desde xuño de 2010 e quen, tralas votacións, felicitaba a unha profesora “moi preparada e que coñece ben a estrutura do centro”. Despois de preto dun ano exercendo en funcións, ante a falta de candidaturas nos dous procesos electorais convocados previamente, este profesor do Departamento de Pintura apuntaba nesta xornada que “remata unha etapa na que traballamos no deseño e na implantación do grao, dos dous máster e do programa de doutoramento”. Por iso, considera que co proceso de acreditación das titulacións “péchase un ciclo natural” ao tempo que destacou da súa etapa o labor realizado para “abrir a facultade a sociedade”. Neste senso, Meana salientou a vontade da nova decana do centro de afondar nese traballo “de relación coa cidade e coa contorna, algo que, co equipo que ten, seguro que o vai conseguir”.