DUVI

Diario da Universidade de Vigo

África Fragueiro Rengelo, alumna do IES Terra de Turonio foi a gañadora do certame

Un símil sobre a personalidade da obra 'Escola de Menciñeiros' faise co primeiro premio do concurso Concita Cunqueiro 

Unha vintena de persoas participaron na iniciativa da FFT co gallo do 40 cabodano do escritor

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • Vigo
  • Cultura
  • Estudantado
  • Lingua Galega
  • Premios
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 23/04/2021

“A personalidade de cada un vén sendo, por tanto, como un pequerrucho vagalume, como un lucecú que dá na noite un puntiño de brillo disolto. A escuridade é o termo que fai posible a existencia do bichiño”. Con esta cita de Escola de Menciñeiros, África Fragueiro Rengelo, alumna do IES Terra de Turonio de Gondomar acadou o primeiro premio do concurso Concita Cunqueiro, un certame promovido pola Facultade de Filoloxía e Tradución da UVigo co gallo do 40 cabodano de Álvaro Cunqueiro. “A súa cita é moi boa, moi representativa da sensibilidade poética e a traxectoria vital de Cunqueiro. Había citas moi boas, espléndidas, pero a desta alumna de Vincios foi a que nos engaiolou por igual a todos os membros do xurado”, explica o docente e investigador e secretario do xurado do concurso, Xosé Henrique Costas, sobre a cita presentada pola alumna de 4º da ESO, que confesa lles deu unha grande alegría pola súa idade e identidade, “pois é unha rapaza moi noviña e con moito gusto literario”. 

O segundo premio recaeu noutra alumna do IES Terras de Turonio, Yeneba Romero Salgueiro pola cita: “A miña idea primeira é que un tesouro é coma unha persoa viva, coa súa memoria e a súa vontade” da obra Tesouros novos e vellos. Pola súa banda, a estudante de 4º curso do Grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios da UVigo Iria Custodio Fabre logrou o terceiro premio co fragmento de Un poeta esquece os días de chuvia: “Todo pende pra que o mundo morra en que un poeta esqueza os días en que chovía no mundo”. Así mesmo, o xurado do certame, presidido polo decano da FFT, José Montero, tamén distinguiu sete finalistas máis pola selección de citas de obras como Dona do corpo delgado; Merlín e familia; Se o vello Sinbad volvese ás illas e Na outra banda, así como da entrevista de G. Ricci no libro Celtismo e magia nella opera di Alvaro Cunqueiro

En total, unhas 20 persoas, de entre 16 e 30 anos, enviaron citas de obras poéticas, narrativas, teatrais e xornalísticas do autor mindoniense ao concurso, que establecía galardóns de 300, 200 e 100 euros para os tres mellores fragmentos da obra de Cunqueiro. “O nivel de participación foi satisfactorio dadas as condicións tan excepcionais que estamos a vivir e o pouco que tempo que transcorreu entre a convocatoria e a data límite de entrega de citas”, asegura Costas, que destaca a participación do alumnado do IES Terra de Turonio, que acadou o 1º e 2º premio, ademais de dous accésits, así como a do alumnado dos graos de Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios e de Tradución e Interpretación da UVigo. “Este concurso foi ideado para que xente nova lese ou relese Cunqueiro e extraese algunhas das moitas citas gloriosas que hai nos seus textos para goce e recoñecemento de todo o mundo”, explica o catedrático da UVigo.

Continúan as actividades co gallo do 40 cabodano do escritor

O fallo do concurso Concita Cunqueiro lonxe de ser o remate dos actos de celebración, organizados pola FFT, polo 40 cabodano do autor de Merlín e familia, é un punto e seguido ás actividades que se desenvolveron o pasado mes de marzo. Así, en xuño desenvolverase un novo congreso sobre Cunqueiro en Mondoñedo, “no que volveremos xuntarnos os que andamos detrás destas iniciativas e outros novos investigadores. Hai moito aínda que analizar na obra de Cunqueiro, sobre todo porque están saíndo á luz moitos materiais inéditos novos”, avanza Xosé Henrique Costas.

Por outra banda, para conmemorar o XXV aniversario da creación da Filoloxía Galega na UVigo, o departamento de Filoloxía Galega editará antes do verán un novo número monográfico sobre Cunqueiro da revista Cumieira das Letras, onde se publicarán os textos das conferencias do ciclo Cunqueiro XL impartidas por Ferrín, Morán, Somovilla, Mariño Mexuto, Castro Buerger, González Gómez, Palacio, etc. “Como grande novidade, o monográfico incluirá un artigo do profesor Forcadela e meu onde damos a coñecer 60 novos poemas descoñecidos de Cunqueiro, moitos deles de adolescencia, cando un quincelo Cunqueiro comezaba a escribir poesía á maneira de Rubén Darío- cousa que todo o mundo descoñecía-, pero tamén outros poemas rescatados do período 1928-1940 de tipo neomedeivalista, vangardista, popularista e existencialista. Por iso dicimos que os actos de Cunqueiro XL foron o comezo- e non remate- de moitas cousas”, explica Costas. 

Sobre os actos celebrados o pasado mes, o balance non pode ser máis positivo, cun ciclo de charlas “de gran altura e con moito seguimento pola rede” e coa edición, por parte do Servizo de Publicacións da UVigo, da Escolma da poesía anosada. “que foi un éxito rotundo en repercusión mediática e en acollida entusiasta por parte de críticos, escritores, especialistas e público en xeral. 50 poemas novos de Cunqueiro agochados en falsas traducións e dunha calidade elevadísima convocaron de novo o interese literario nunha obra dun autor que é un inesgotable pozo sen fondo de auga sempre limpa e fresca”, asegura o catedrático da UVigo.