DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado polo Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos

O Simposio Ecolingua analiza ata o sábado o panorama sociolingüístico de Galicia

Coa participación de Henrique Costas, director do Centro de Linguas e do vicerreitor de Relacións In

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 17/12/2009

A cidade de Vigo está a ser, dende este xoves e ata o vindeiro sábado, o centro do debate sobre a situación sociolingüística de Galicia coa celebración do Simposio Internacional Ecolingua. Organizada polo Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos, a Universidade de Vigo participa neste evento a través das intervencións de Henrique Costas, director da Área de Normalización Lingüística e Iván Area, vicerreitor de Relacións Institucionais serán dous dos relatores o venres e o sábado, respectivamente. Xunto con eles expertos e investigadores de universidades de todo o mundo como a de Helsinki, a de Quebec, Rovira i Virgili, Barcelona, País Vasco, Autónoma de Madrid, Amsterdam, Paraná, Complutense de Madrid, Gales, Cardiff, Nova Gorica, en Eslovenia e as universidades da Coruña e de Santiago de Compostela.
As xornadas comezaron este xoves coa participación do empresario Rafael Cuíña ou o profesor da USC, Henrique Monteagudo, que presentou o mapa sociolingüístico de Galicia. Neste primeiro día debuxouse un achegamento á situación do galego, por unha banda na administración pública e por outra nos medios de comunicación. Amais, os asistentes tamén puideron coñecer os procesos normalizadores noutros lugares centrándose no caso do finés e as linguas bálticas ou o caso do Quebec, así como o das linguas do estado español ou o panorama da lusofonía.

O obxectivo: a análise e o debate plural

Ecolingua concentra en tres días máis de 20 conferencias, mesas redondas e
presentacións nas que participarán medio cento de especialistas galegos, do resto
do Estado e doutras partes do mundo. A finalidade destas xornadas é analizar a realidade sociolingüística de Galiza e dar a coñecer modelos e políticas relacionadas coa lingua e os procesos de normalización noutros países plurilingües como Gales ou Luxemburgo.
Para isto, o programa comprende relatorios sobre a situación lingüística en diversos ámbitos como o ensino, o mundo da empresa, as culturas emerxentes ou a sociedade civil. Ademais, tamén participan as diversas plataformas implicadas no actual debate lingüístico (Queremos Galego, Prolingua ou Galicia Bilingue) e no debate estarán representadas as universidades, os equipos de normalización lingüística, o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega ou a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Segundo os organizadores esta “é unha aposta, non só polo rigor científico do evento asegurado cos especialistas convidados, senón tamén pola pluralidade de opinións que contribuirán a enriquecer o debate e as conclusións do Ecolingua 2009”.

O galego no ensino e a súa proxección internacional

As sesións de traballo deste venres abriranse cunha mesa redonda sobre lingua e ensino, na que participará Henrique Costas, director da Área de Normalización Lingüística da Universidade xunto con Mariló Candedo, presidenta de Nova Escola Galega e Valentina Formoso, da Coordenadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística.
O vicerreitor Iván Area, pola súa banda, participará na derradeira xornada de Ecolingua, nunha mesa redonda xunta co escritor Suso de Toro e o profesor da Universidade de Cardiff, Craig Patterson na que afondarán na proxección internacional da lingua. Segundo Area, neste senso “é crucial e que denomino “a visión dos outros” que dá pé a reflexionar sobre os esforzos en traducir obra non escrita en galego para o galego e tamén en pensar en traducións de obras escritas en galego para outras linguas”. Así o vicerreitor achegarase a esta temática empregando unha metáfora baseada en cuestións ópticas relacionadas con espellos para tratar os problemas de internacionalización da nosa lingua. “Isto dos espellos é unha boa metáfora que permite aproximarnos a algúns problemas da identidade”.