DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Máis de 300 docentes de diferentes países nun foro promovido pola rede Reppe

Un simposio internacional propón extraer oportunidades dos cambios que a pandemia provocou nas prácticas académicas

O evento que desde 1987 se desenvolve en Poio lévase a cabo por primeira vez de forma virtual

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI Pontevedra 07/07/2021

A covid-19 provocou nos últimos meses numerosos cambios na actividade universitaria, que tamén afectaron ás prácticas académicas externas que o alumnado leva a cabo en empresas e outra serie de organizacións e que, en moitos dos casos, tiveron que reconverterse en virtuais. As oportunidades que este cambio obrigado poida ter xerado nesta actividade formativa constitúen o núcleo central da análise que promove o XVI Symposium Internacional sobre o Prácticum e as Prácticas Externas, que desde este mércores reúne, de forma virtual, máis de 300 docentes de diferentes países. “Esta edición pretende analizar a incidencia que tivo a pandemia no desenvolvemento das prácticas curriculares e extracurriculares, o seu impacto nos plans de estudos, na formación, nas vivencias do estudantado, nas funcións das persoas que as titorizan, nas institucións...”, salientou Manuela Raposo, profesora da Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo e presidenta do comité organizador deste simposio de carácter bienal, que tiña desde o seu inicio en 1987 tiña a súa sede en Poio e que a covid-19 obrigou neste 2021 a converter en virtual por primeira vez.

Organizado pola Asociación para el Desarrollo del Prácticum y de las Prácticas Externas: Red de Prácticum (Reppe), a 16 edición deste simposio ten como obxectivo servir como “un lugar de encontro no que compartir o que funcionou e non funcionou, as barreiras e os problemas que xurdiron” por mor desa obrigada conversión en virtual as prácticas, “pero tamén os procedementos adoptados para a súa superación”, salientou Raposo. 

A actividade académica “máis impactada pola pandemia”

Baixo o título de Prácticas externas virtuales versus presenciales: transformando los retos en oportunidades para la innovación, o simposio inaugurouse na tarde deste mércores coas intervencións de representantes de sete das universidades que forman parte de Reppe nun acto virtual conducido desde a sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra polo presidente desta rede, Agustín Erkizia. “Sen dúbida, a virtualidade chegou para quedarse, a idea é ver como esta virtualidade se vai unir á presencialidade nos centros”, salientou Jorge Soto, vicerreitor do campus, quen definiu como “absolutamente imprescindible” a análise que propón este simposio, xa que “as prácticas son e serán unha parte fundamental da formación das alumnas e alumnos”. Soto puxo tamén de relevo “a complexidade” que para as universidades supuxo a xestión da situación provocada pola pandemia, que “removeu os cimentos da docencia presencial e obrigou a modificacións profundas”, como engadiu a vicerreitora de Organización Académica da Universidade de Santiago de Compostela, Celia Besteiro. Neste escenario, as prácticas convertéronse “na actividade académica máis impactada”, engadiu Adela Valero, vicerreitora de Emprego e Programas Formativos da Politécnica de Valencia, mentres que a o vicerreitor de Estudantes e Empregabilidade da Universidade do País Vasco, Fernando Tapia, subliñou que estas constitúen unha “das ferramentas máis importantes para que o alumnado poida acceder nas mellores condicións ao mercado laboral”, aspecto no que incidiu tamén o vicerreitor de Innovación Social e Emprendemento da Universidad de Málaga, Rafael Ventura. Neste acto virtual interviñeron tamén Víctor García, vicerreitor de Estudantes e Empregabilidade da Universidad Internacional de Andalucía e Rosa Kranwinkel, vicerreitora do Instituto Superior de Formación Docente Salomé Ureña da República Dominicana, que suma preto de 70 participantes a este simposio. 

“As prácticas externas son unha peza clave no compromiso da universidade coa mellora da empregabilidade e a inserción laboral”, engadiu na conferencia de apertura Nuria Grané, presidenta do grupo de emprego e asuntos estudantís da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE). Profesora da Universidade de Alacante, Grané abordou as diferentes liñas de traballo do grupo que coordina, á vez que puxo de relevo a necesidade de que, ademais da docencia, a investigación e a transferencia, as universidades teñan como misión o fomento da empregabilidade, un aspecto no que as prácticas xogan, sinalou, un papel clave. 

O camiño cara unha “ensinanza híbrida”

A “transición das prácticas presenciais ás virtuais” foi, por outra banda, o eixo da primeira das mesas redondas deste simposio, moderada polo catedrático da Universidade de Málaga e vicerrector de Innovación Docente e Dixitalización da UNIA, Manuel Cebrián. Nela,  o catedrático da Universidad de La Laguna Manuel Area avogou polo desenvolvemento de “modelos de ensinanza híbridos con calidade pedagóxica” e defendeu que o ensino híbrido será o maioritario nas universidades, algo que, aínda que a pandemia o acelerase, vén motivado ao seu xuízo “pola necesidade histórica de adecuación ou adaptación da educación superior ás características da sociedade dixital”. Nesta mesa, así mesmo, o vicerreitor de Posgrao, Empregabilidade e Relacións con Empresas e Institucións da Universidade de Almería, Juan García, sostivo que as universidades xa iniciaran, antes da covid-19, “un proceso de adaptación a modalidades de ensinanza que apoiaran á presencial con formatos multimodais” que non se desenvolveu na mesma medida, no ámbito das prácticas, no que se seguiu apostando pola “presencialidade física”, sinalou, mesmo en titulacións semipresenciais ou virtuais. Por outra banda, a modalidade de prácticas virtuais impulsada pola Facultade de Psicoloxía da UNED centrou a intervención da súa vicedecana Laura Méndez, que sinalou que o uso de “sistemas de actividade simulados” para adestrar competencias profesionais permite formarse en “ambientes de experimentación sen riscos”, que enfrontan ao alumnado a “problemas auténticos” e “situacións prototípicas da profesión”. 

Presentación de 87 comunicacións

A xornada completouse coa primeira das mesas de presentación de comunicacións, nas que daranse a coñecer 87 traballos ao longo dun simposio que reúne tamén no seu programa as conferencias do profesor da Universitat de Barcelona Xavier Colina sobre os efectos da pandemia nas titulacións sanitarias e do catedrático da USC Miguel A. Zabalza sobre prácticas presenciais e virtuais. Así mesmo, nas xornadas de xoves e venres terán lugar dúas novas mesas de debate, que permitirán coñecer experiencias levadas a cabo durante a pandemia e exemplos de prácticas virtuais, da man de representantes de diferentes universidades de España, Portugal, Chile e Ecuador.