DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Participan arredor 270 expertos de España, Iberoamérica e de Portugal

O Simposio de Poio busca un método para avaliar as prácticas externas

Carlos Marcelo, catedrático da Universidad de Sevilla, falou de achegar o prácticum ás aulas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijoo DUVI 28/06/2011

Á hora de valorar as prácticas externas dun plan de estudos, “os profesores recoñecemos ter problemas para establecer un procedemento de avaliación”, explica Alfonso Cid, copresidente do XI Symposium Internacional de Poio, de aí que esta nova edición deste congreso estea centrada “en axudar a resolver dificultades na supervisión do prácticum e comprometido coa calidade do mesmo”. Trala inauguración deste luns, hoxe martes interveu o catedrático da Universidad de Sevilla, Carlos Marcelo, quen afondou na necesidade de incluír o desenvolvemento das prácticas dentro das propias aulas das universidades.

O congreso, que reúne a un total de 270 expertos procedentes de toda España, de Ibeoramérica e de Portugal, ten como obxectivo “continuar sendo punteiro no estudo do mundo do práctico nas ensinanzas universitarias”, pero este ano "atendendo á súa avaliación e supervisión" . Cid aclara que na adaptación ao EEES, o prácticum supón un importante número de créditos “e os profesores temos experiencia á hora de valorar as nosas materias, pero nas prácticas externas participan moitas áreas e persoas distintas polo que xurde unha problemática de coordinación e de puntos de vista”. Por iso apunta que “deberíamos camiñar cara unha avaliación de carácter profesional desas prácticas externas”. Este ano os organizadores propoñen unha nova actividade, a dos simposios autoorganizados, “unha especie de congreso dentro doutro congreso na que investigadores dunha temática específica debaten sobre liñas de traballo converxentes”. O encontro conta ademais con 140 comunicacións, “unha participación moi elevada e de todos os ámbitos do saber, da educación, do dereito, da economía, da saúde...”, subliña o profesor Cid.

Incluír as prácticas nas aulas

Neste segundo día, o simposio contou coa intervención de Carlos Marcelo, catedrático da Universidad de Sevilla e membro da axencia de Calidade de Andalucía, quen, presentado por Ángeles Parrilla, catedrática da Universidade de Vigo, afondou na necesidade de desenvolver “prácticas innovadoras” dentro das aulas. Considera que existe unha feble vinculación entre o mundo universitario “e os titores encargados de avaliar as horas de prácticum dos alumnos no posto que desempeñan, guiándose máis por criterios emocionais que polo que verdadeiramente teñan aprendido”. Para o experto, as prácticas teñen que estar perfectamente orientadas “e non ser unha aterraxe improvisada”, polo que formula a posibilidade “de traer as prácticas profesionais á universidade” coa creación de ambientes de aprendizaxe “mediante simuladores, mundos virtuais con avatares ou xogos epistémicos que axuden a recrear escenarios onde o alumnado teña que tomar decisións en situacións aparentemente reais”.

Neste contexto cobra especial importancia a aprendizaxe informal “a partir da cal se asimila o maior volume de coñecementos da nosa vida”, polo que o profesorado debe ser quen “de xerar e fomentar procesos de autoformación que lles permitan ao alumnado desenvolverse de forma autónoma”. Tamén interveu Lily Orland-Barak, da University of Haifa, en Israel, quen afondou nos métodos da aprendizaxe profesional na práctica, “a que necesita dunha profunda formalización”.

Este mércores pechará o ciclo de conferencias “o buque insignia deste simposio”, Miguel Ángel Zabalza, presidente do mesmo e principal impulsor. Tentará achegar unha proposta de avaliación do programa de prácticas das titulacións das universidades galegas. A vicerreitora do campus, Antonia Blanco, estará presente no acto de clausura, programado para ás 14.00 horas.

Colaboración das tres universidades galegas

As tres universidades galegas están detrás da organización deste encontro, que conta coa colaboración da Xunta, da Deputación, dos Concellos de Pontevedra e de Poio e da Cámara de Comercio, un evento que ten a súa orixe en 1987, cando “as titulacións de Educación e de Pedagoxía eran as únicas que tiñan prácticas externas e decidimos reunirnos para compartir as nosas inquedanzas sobre o tema”, conclúe Cid.