DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Supervisado polo persoal do Servizo de Riscos Laborais da Universidade de Vigo

Un simulacro pon a proba a capacidade de reacción de Ciencias Sociais e da Comunicación

O alumnado e o profesorado do centro participou activamente na evacuación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Iolanda Fernández DUVI 07/11/2013
A alarma de incendios rompeu este xoves a rutina diaria da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación dando inicio a un simulacro supervisado polo persoal do Servizo de Riscos Laborais da Universidade de Vigo. Nada máis soar a serea, o persoal da facultade apresurouse en localizar un suposto incendio que, ao parecer, se iniciara na biblioteca do centro. Aínda que nun primeiro momento, tanto o alumando, coma o profesorado e demais traballadores parecían estar en perfectas condicións, dous estudantes quedaron atrapados nunha das salas da biblioteca e de onde precisaron ser evacuados. Un equipo de bombeiros, dous coches da policía nacional e unha ambulancia do 061 trasladáronse, en cuestión de minutos, ata as inmediacións do campus para atender a estes dous rapaces e a calquera outra persoa que precisase da súa axuda.

O decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Juan Manuel Corbacho, estivo en todo momento pendente dun proceso de evacuación no que tamén colaboraron os profesores e profesoras do centro, indicándolle ao alumnado cal era a saída que debían tomar e intentando manter a orde e a calma nun momento coma este. Ao seu remate, tanto Corbacho coma a técnico do Servizo de Riscos Laborais, María José Montero, fixeron balance deste simulacro subliñando que aínda que a evacuación foi realizada nun tempo “axeitado” cómpre seguir traballando ano a ano “para solucionar pequenos erros e concienciar aínda máis ao estudantado da necesidade de colaborar neste tipo de actividades preventivas”.

As ordes do profesorado e do persoal da facultade durante o proceso de evacuación foron sempre moi claras: os alumnos e alumnas debían abandonar o edificio á maior brevidade posible usando as saídas de emerxencia, evitando empregar os ascensores, mantendo sempre a calma e acudindo ao punto de encontro situado diante da Escola de Enxeñaría Forestal. Neste lugar estaba tamén a vicerreitora do campus, Antonia Blanco, quen viviu todo este proceso dende o exterior polo que tamén puido comprobar in situ a efectividade do plan de evacuación deseñado polo Servizo de Riscos Laborais da Universidade.