DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Primeiro exercicio no campus pontevedrés ao abeiro dos plans de Autoprotección de Riscos Laborais

Un simulacro pon a proba a capacidade de reacción da EE Forestal

A pesar da rápida evacuación, tardouse moito en auxiliar ás vítimas atrapadas no edificio

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijoo DUVI 20/10/2011

Todo transcorría con normalidade polos corredores da Escola de Enxeñaría Forestal ata que ás 11.23 horas comezou a saír un fume “sospeitoso” do laboratorio de Edafoloxía que fixo saltar o detector. O técnico de Servizos Xerais da conserxería, que ocupa o cargo de xefe de Intervención, sube a comprobar que ocorre e confirma as súas sospeitas, un incendio ameaza ao edificio polo que hai que actuar. Así comezou o simulacro de emerxencia e evacuación da escola, o primeiro realizado no campus ao abeiro dos plans de Autoprotección de Riscos Laborais, “un exercicio importante e necesario para estar preparados para facer fronte a futuras emerxencias”, explicou José Manuel García, vicerreitor de Economía e Planificación.

Tras a primeira inspección ocular, o xefe de Intervención púxose en contacto inmediato co xefe de Emerxencia, responsabilidade que ostenta o director do centro, Enrique Valero, ao que informou da gravidade da situación. “Hai que evacuar rapidamente o centro”, confirmaba Valero, polo que fixeron saltar as alarmas. O propio Valero foi o encargado de avisar aos servizos de emerxencia mentres tentaba coordinar aos equipos de Intervención, Alarma e Evacuación para conseguir desaloxar o edificio no menor tempo posible. O xefe de Intervención confirmou que tres vítimas quedaran atrapadas dentro do edificio polo que era necesaria a intervención inmediata dos bombeiros. Despois duns minutos de incerteza e caos, lograron evacuar aos dous feridos do edificio, sendo atendidos rapidamente fóra do recinto polos sanitarios do 061. Tamén se achegaron ata o campus membros de Protección Civil, Policía Nacional e Policía Local, que tentaron manter a calma no exterior.

Balance da situación

O simulacro contou cunha rápida evacuación “o que fala moi ben da capacidade de reacción dos equipos de Intervención, Alarma e Evacuación”, comentou María José Montero, técnica superior de Riscos Laborais unha vez rematada a simulación. Sen embargo detectou dous erros: por unha banda, a falta de decisión ao comprobar que quedaran persoas atrapadas e, por outra, “non terse decatado de que había máis feridos dentro do edificio”, engadiu Montero. Aínda así, aclarou que se trataba da primeira proba tras a implantación do plan de Autoprotección no centro, “polo que o balance é positivo”. Enrique Valero, como director de Emerxencia, tamén detectou algúns erros, sobre todo relacionados coa estrutura do edificio, como a existencia de ángulos mortos ou a permanencia de portas pechadas.

Na simulación estiveron presentes o vicerreitor de Economía e Planificación, José Manuel García; a vicerreitora do campus, Antonia Blanco; o vicexerente de Recursos Humanos, Emilio Martínez Rivas; o director da Área de Prevencón e Calidade Ambiental, Benedicto Soto e a responsable de prevención da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, Noemí González. Todos recoñeceron o esforzo do equipo de Prevención de Riscos Laborais da Universidade, ademais da colaboración de alumnado, PAS e PDI, “que foron plenamente conscientes do papel que tiñan que desenvolver en cada momento”.