DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor Gustavo Rodríguez traballa nun programa que simula o uso de aparatos de electroestimulaci

Un simulador permitirá aprender electroterapia desde un ordenador

O primeiro prototipo de 'e-Lectro Sim' foi elaborado cun software de código aberto

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI 20/03/2014

A aplicación de correntes eléctricas e ultrasóns é un dos métodos terapéuticos máis comúns en fisioterapia, e polo tanto, unha parte básica na formación dos futuros graduados e graduadas. Non obstante, a necesidade de contar cuns custosos equipos de electroestimulación para aplicar os coñecementos teóricos adquiridos limita a formación práctica do alumnado á propia facultade, onde se atopan os equipos de aplicación de correntes. Mais esta situación podería cambiar co proxecto que desenvolve o equipo que coordina o profesor Gustavo Rodríguez, que traballa actualmente nun simulador informático que o día de mañá permitirá aos futuros fisioterapeutas enfrontarse a todas as decisións que deben tomar á hora de aplicarlle a un paciente correntes eléctricas diante dunha pantalla de ordenador.

“Os alumnos non van mercar un equipo de aplicación de correntes eléctricas, polo que non teñen marxe de afondar no manexo destes aparatos a non ser que estean no centro”, admite Rodríguez, coordinador dun proxecto de innovación educativa no que tamén traballan a profesora Iris Machado e aos bolseiros Lorena Solla e Adrián Santasmarinas, estudantes de Fisioterapia e Comunicación Audiovisual, respectivamente. Incluída na terceira convocatoria do Programa soporte para o desenvolvemento e implantación de accións de innovación educativa, que impulsa a Vicerreitoría de Alumnado, Docencia e Calidade, esta iniciativa, que se estenderá ata 2015, terá como resultado final un programa informático no que “os estudantes poidan practicar no ordenador a elección dos diferentes parámetros que terían que seleccionar nestes aparatos”, que como explica Rodríguez empréganse na actualidade “nunha alta porcentaxe das clínicas de fisioterapia”.

A primeira versión de e-Lectro Sim

Que o uso deste simulador supoña para o alumnado “unha continúa toma de decisións” é o obxectivo dos responsables desta aplicación, na que, ante un determinado caso clínico, o usuario deberá seleccionar o tipo de electrodos a empregar, onde debe colocalos, a posición do paciente, o tipo de corrente que vai aplicar, a frecuencia e duración dos impulsos, o tempo do tratamento... “O único que lles faltaría é poder colocarlle os electrodos a unha persoa”, engade Rodríguez.

Tras meses de traballo, os responsables do proxecto deron forma a un “primeiro prototipo moi básico” dun simulador ao que deron o nome de e-Lectro Sim e que foi confeccionado co software de código aberto e-Adventure, desenvolvido na Universidade Complutense de Madrid. Actualmente, este prototipo, que o 12 de marzo foi presentado na II Xornada de intercambio de experiencias dos Proxectos de Innovación Educativa, conta xa cun primeiro caso clínico con tres posibles obxectivos terapéuticos, aos que se vinculan unha serie de pacientes con diferentes características, de tal xeito que a solución que se adapta ás necesidades dun caso non é válida para outro, aínda que padezan a mesma doenza. “Por exemplo, nunha escordadura de nocello hai quen precisa que lle reduzas a dor cunha corrente sensitiva, pero pode ser tamén que teña o nocello inchado e entón o que necesitas é activar a circulación, polo que a corrente correcta xa non é a mesma que no primeiro caso”, explica Rodríguez. De aí que neste programa se formulen de inicio tres posible tratamentos para un mesmo caso, para que os usuarios, en función das descrición inicial do paciente, poidan seleccionar os parámetros que consideren máis adecuados. Unha vez rematado o proceso, o simulador ofrecerá ao estudante un informe final que lle permita coñecer os seus posibles erros e ao que os responsables deste proxecto pretenden engadir nun futuro un vídeo explicativo de como se debería ter realizado tratamento para ese caso concreto.

“A partires de aí, a idea é que o simulador vaia crecendo de xeito exponencial coa inclusión de diferentes casos clínicos”, engade Rodríguez. Todo iso coa idea de que, unha vez completado, este programa poida ser incorporado como unha ferramenta de apoio tanto para o alumnado á hora de afondar ou repasar os contidos que abordados na clase, como para unha ferramenta de apoio á docencia na propia materia de Electroterapia e ultrasonoterapia ou naquelas outras vinculadas a campos como a traumatoloxía ou reumatoloxía, nos que tamén é preciso o uso de aparatos de electroestimulación.