DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os nacionalistas obteñen seis delegados, fronte aos tres de UGT e aos dous de CCOO e CSI-CSIF

O sindicato CIG perde a maioría absoluta na Xunta de Persoal funcionario de administración e servizos

A participación acadou algo máis do 78% para elixir a 13 delegados

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 21/04/2010
Tras oito anos de maioría absoluta á fronte da Xunta de Persoal funcionario de administración e servizos da Universidade de Vigo, a CIG perdeu hoxe esta condición, aínda que se mantén como o sindicato máis votado. A formación encabezada por ata o de agora presidente da Xunta de Persoal, Xoan Cebro, acadou na xornada electoral celebrada hoxe nos campus de Ourense, Pontevedra e Vigo, seis delegados (un menos que en 2006), fronte aos tres de UGT (un máis que hai catro anos) e os dous de CCOO que mantén a súa representación. Pola súa banda o sindicato CSI-CSIF que concorría por primeira vez ao proceso electoral acadou dous delegados dos 13 totais que conformarán a nova Xunta de Persoal . A participación acadou un 78,04%, case un 5% máis que no proceso electoral celebrado hai catro anos.
Do total de 302 votos recollidos, 257 corresponden á mesa dos campus de Pontevedra e Vigo e os 45 restantes á de Ourense. Nas dúas mesas a CIG foi o sindicato máis votado cun total de 135 votos (112 en Pontevedra e Vigo e 23 en Ourense), seguido de UGT con 60 (47 en Pontevedra e Vigo e 13 en Ourense), CCOO con 51 (47 en Pontevedra e Vigo e 4 en Ourense) e CSI-CSIF con 30 obtidos na súa totalidade na mesa de Vigo e Pontevedra. Ademais rexistráronse 23 votos en branco e 3 nulos.
As votacións comezaron ás 8.30 da mañá na sala de xuntas da EUET Forestais do campus de Pontevedra e no salón de graos do Edificio Facultades do campus de Ourense. Posteriormente o proceso de elección trasladouse, primeiro á EU de Enxeñaría Técnica Industrial entre as 10 e as 11 de mañá, para continuar entre as 11.30 a as 15.00 horas no edificio de Servizos Centrais do campus de Lagoas Marcosende. Finalizada a votación os integrantes da mesa coordinadora das eleccións procederon ao escrutinio e publicación de resultados, un proceso que se prolongou ata pasadas as 17.00 horas por causa das diferenzas na interpretación das operacións a realizar para determinar o número de delegados. O venres terá lugar a remisión das actas e nun prazo dun mes previsiblemente estará conformada a nova Xunta de Persoal que estará presidida polo delegado ou delegada que maior número de votos obteña entre os seus compañeiros.

Do voto de castigo relativo á apoteose

Os representantes das catro formacións sindicais que concorreron ao proceso electoral unha vez coñecido o resultado final coincidiron en sinalar a elevada participación do PAS funcionario ao que agradeceron a súa resposta. En canto aos resultados obtidos por cada un dos sindicatos que concorreron ao proceso, as valoracións son positivas, tamén no caso da CIG que “aumentou en votos absolutos”, como recoñeceu Sergio Pajares, número tres da candidatura nacionalista. Aínda así o sindicato recoñece na perda da maioría absoluta “un voto de castigo relativo, derivado da participación doutras formacións sindicais como o CSI-CSIF, así como a distorsión que no censo introduciu a presenza legal dos funcionarios interinos que puideron resultar influenciados polo proceso da Oferta de Emprego Público”.
O paso de carecer de representación na Xunta de Persoal a acadar dous delegados é para Marcelino Estors, cabeza de lista do sindicato independente CSI-CSIF, todo un éxito, “conseguir un delegado era xa un triunfo, pero que sexan dous é unha auténtica apoteose”, subliñou nada máis coñecer os resultados. “Hai que ter en conta que é a primeira vez que nos presentamos. O sindicato, aínda que ten moita presenza no resto de universidades españolas, aquí aínda é pouco coñecido, polo que valoramos moi positivamente os resultados acadados”, indicou Estors, quen tamén quixo subliñar que “o noso único obxectivo é axudar e achegar o noso gran de area”.
Pola súa banda o cabeza de lista de UGT que incrementou en un o número de delegados pasando de dous a tres, considera “moi positivo converternos na segunda lista máis votada”. Para José Santos ademais deste obxectivo que o sindicato se fixou en campaña, tamén se acadou o de rematar coa maioría absoluta da CIG, o que permitirá, asegura “acabar co rodillo e impulsar unha maior negociación polo ben dos compañeiros”.
Mentres, para José López “é positivo que CCOO manteña a súa representación que non haxa maioría absoluto dun sindicato como ata o de agora ocorría”. Para o cabeza de lista de CCOO un maior reparto dos delegados da Xunta de Persoal entre os catro sindicatos que concorreron ao proceso electoral “permitirá que se nos teña en conta aos demais”.
A relación de delegados e delegadas que integrarán a vindeira Xunta de Persoal é a formada por Xoan Cebro, Benedicta Expósito, Sergio Pajares, Ana Belén Martínez, Arturo Rodríguez e Henrique Macías da CIG; José Santos , María Pérez e Alejandro Cadabón de UGT; José López e María Fariza de CCOO e Marcelino Estors e María Asunción Marzán de CSI-CSIF.