DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense acolleu este luns unha charla sobre o acoso na rede

Un sinxelo clic que pode desatar un pesadelo

Os docentes advertiron sobre as consecuencias de enviar material erótico por Internet ou por móbil

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 23/10/2012

O 4% dos adolescentes españois recoñece ter enviado fotografías electrónicas de tipo erótico a outras persoas. O 8% asegura que ten recibido no seu móbil contidos deste tipo. Yolanda Rodríguez, docente de sexualidade e saúde no campus de Ourense, apunta estes dous datos para pór en evidencia o cada vez meirande problema de que os máis novos, que viven conectados aos dispositivos móbiles e a Internet, compartan imaxes súas de índole erótica con estraños ou coñecidos. Un material que se envía en confianza e que logo pode ser empregado para o acoso, a chantaxe ou a vinganza, como vén de suceder no caso da Amanda Todd.

Para falar deste tema e doutros vinculados coa sexualidade na mocidade, un grupo de alumnas da materia que imparte Yolanda Rodríguez na Facultade de Ciencias da Educación, puxeron en marcha dentro do proxecto Campus ConVida a iniciativa Luns a debate. Máis alá do sexo... descubre a túa sexualidade. Deste xeito, cada luns, na cafetería do Edificio Politécnico, está previsto que se celebra unha charla á que están convidados a participar os membros da comunidade universitaria que o desexen. Na primeira sesión celebrada esta semana o tema elixido foi o acoso na rede e os docentes do campus de Ourense convidados foron María Lameiras, Yolanda Rodríguez e Mª Victoria Carrera, do eido da sexualidade, e Pedro Cuesta, do eido da informática.

Os valores como sociedade

Tras facer un repaso polos casos máis coñecidos acontecidos nos últimos meses, como o do suicidio da rapaza Amanda Todd, María Lameiras lamentou “que vivamos nunha sociedade que, en vez de protexer a esta rapaza unha vez comezou o acoso, se empregou o acontecido para agredila”. Por este motivo, a docente aconsellou ao estudantado presente que sexa cauto no envío deste tipo de contidos “porque o que hoxe poñemos nas mans doutras persoas, sexan descoñecidos ou non, mañá pode ser empregado na nosa contra. Lamentablemente non se pode ter confianza total con ninguén”.

O problema, explicou Pedro Cuesta, é que “agora todo pode ser capturado, publicado e difundido. Cando envías algo por Internet ou por móbil perdes totalmente o control sobre ese contido e logo borralo totalmente é na práctica imposible e aínda que se consiga en parte o dano queda feito”. O docente da Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense chamou a atención sobre o feito de que os adolescentes pasan moitísimo tempo conectados a Internet e entran en contacto en moitas ocasións con estraños e os seus pais, froito da fenda dixital, non se implican o suficiente para evitar situacións deste tipo.

Pola súa banda, Mª Victoria Carrera chamou a atención no feito de que aínda que a forma agora sexa a través de Internet o fondo segue sendo "o de sempre", o acoso e o mantemento de estereotipos de xénero. “A lei é necesaria para a protección das persoas, pero antes e despois dela están os valores das persoas e da sociedade, que deben basearse na igualdade e no non sexismo”, apuntou a docente. “Hai moitas Amandas máis preto de nós do que podemos pensar”, advertiu Carrera. Para previr estas situacións ou para axudar ás persoas que están inmersas nun conflito deste tipo, os docentes presentes recomendaron botar unha ollada a páxinas web como http://www.sexting.es/ ou http://www.quenoteladen.es/.