DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Centum, Universidade de Vigo, Gradiant e a empresa Soc-e deseñaron esta aplicación

O sistema de busca en emerxencias LifeSeeker constata a súa viabilidade a bordo de avións non tripulados

Esta ferramenta permite localizar rapidamente a persoas desaparecidas en zonas de difícil acceso

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 01/02/2013
LifeSeeker é un sistema de busca de persoas en situacións de emerxencia, unha ferramenta financiada pola empresa Centum e deseñada por investigadores da Universidade de Vigo e Gradiant (Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia) en colaboración coa empresa SOC-e. Grazas a esta tecnoloxía, os teléfonos móbiles das vítimas poden converterse nunha radiobaliza de emerxencias que faciliten a súa localización guiando aos equipos de rescate ata a súa localización. Pero se o LifeSeeker se integra nun vehículo aéreo non tripulado, as súas capacidades de éxito son maiores, xa que permitiría operar de noite, con visibilidade reducida ou baixo condicións meteorolóxicas adversas. As primeiras probas para testar esta compatibilidade realizáronse no mes de decembro no aeródromo de Villanueva de Gállego, en Zaragoza e os resultados son cualificados polos investigadores como “un éxito”. As probas realizadas permitiron comprobar a gran precisión de localización do sistema e a funcionalidade de mensaxería mediante o envío de SMSs, segundo indican. O equipo de traballo está composto por Felipe Gil, Joaquín Lago e Pablo Couñago, do Grupo de Tecnoloxías da Información e por parte de Gradiant, David Chaves e Jorge Muñoz, ambos antigos investigadores no citado grupo.

As probas consistiron en vós de baixa altitude en liña de visión directa que validaron con éxito as comunicacións e o control da plataforma embarcada, ademais de probar a detección e xeo-localización de sinais de radiofrecuencia despregadas en terra a modo de radio-balizas. Os ensaios de voo realizáronse a bordo dun avión non tripulado en colaboración coa empresa Centum. Os resultados están sendo analizados para verificar as capacidades do sistema.

Grazas aos teléfonos móbiles

LifeSeeker aproveita a enorme penetración social que as tecnoloxías de comunicación móbiles teñen na actualidade, convertendo os teléfonos nunha radiobaliza de emerxencias capaz de guiar aos equipos de rescate. O sistema é capaz de buscar e localizar de maneira rápida e autónoma a persoas que se atopan desaparecidas en zonas de alta montaña, rexións de difícil acceso ou devastadas. Se a estas capacidades se une o potencial de voo, amplíase tanto o tempo como o espazo de uso de LifeSeeker. Podería operar con pouca visibilidade ou de noite, cando calquera outro tipo de misión aérea non tería opcións, limitando así os riscos para a seguridade dos pilotos.

Por outra banda, ao operar de maneira independente das redes de telecomunicacións, ademais é capaz de localizar o terminal da persoa perdida, LifeSeeker ofrece servizos de voz e mensaxería curta incluso en zonas onde non exista cobertura móbil, proporcionando así aos equipos de rescate unha vía de comunicación directa coa vítima e a posibilidade de coñecer o seu estado ou calquera outro dato relevante que facilite a operación de salvamento.

Todo isto fai de LifeSeeker, segundo os seus creadores, “unha ferramenta efectiva que axiliza as operacións de rescate, reducindo o tempo de rastreo e aproveitando as horas nas que as misións de busca convencionais non son posibles, reducindo os custes da operación e maximizando así as probabilidades de éxito en misións onde cada segundo é vital”.