DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo a tese de doutoramento de Eva María Soto

Un sistema integral de deseño e produción de barcos reduciría os custes e aumentaría a competitividade do sector naval

O método informático reduce tempos e mellora a comunicación

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 09/12/2008

Un sistema único que evite duplicidades e lagoas ao tempo que faga posible unha comunicación eficiente entre os departamentos de deseño e produción. Con esta ferramenta o sector naval podería reducir os custes e mellorar a súa produtividade na fabricación de buques de mediano e gran tamaño. A proposta despréndese da tese de doutoramento de Eva María Soto, que traballa nunha liña que se ven desenvolvendo na Universidade de Vigo dende anos atrás para a realización dun Sistema Integral de Enxeñaría Naval.
Trátase de proporcionarlle ao sector unha plataforma única dende a que se controlen todas as posibilidades de deseño, cálculo e planificación da produción, “evitando incoherencias e faltas de información provocadas polo tratamento de datos dende diferentes programas que necesariamente intervirán no proceso completo de xeración dun buque na actualidade”, segundo explica Eva Mª Soto.

Dous puntos clave

A tese de doutoramento divídese en dous puntos clave. Por unha banda, a investigadora céntrase na fortaleza do sistema que reside na integración “dun xeito simple e rápido entre unha estrutura de base de datos e a organización da información”, explica. O outro punto de interese reside nunhas aplicacións gráficas simplificadas que automaticen ao máximo as aplicacións repetitivas do proceso de deseño e produción do barco.
Deste xeito, Eva Mª Soto trata de dotar a estes sistema integral de todo o preciso para a comunicación eficiente entre os departamentos de deseño e produción, un factor básico que esta iniciativa acada os resultados de eficiencia e coordinación agardados. “A documentación xerada polo departamento de deseño e necesaria para abastecer o departamento de produción constitúen o que se deu en chamar no sector o Desenvolvemento do Aceiro” e, para o seu funcionamento a través dunha plataforma única son precisos certo tipo de ferramentas. Da súa investigación despréndese que estas ferramentas deben responder a catro obxectivos ben delimitados. Por unha banda é precisa unha base de datos “que dea soporte á plataforma, proporcionando rapidez e fortaleza”, segundo explica Soto. A isto hai que engadir a necesidade de obter a estruturación óptima de toda a información, a xeración automática de planos e informes e “a comunicación con outras aplicacións CAM de fabricación asistida por computadora, control numérico e análise”.

O resultado: maior competitividade e menor gasto

Entre os beneficios e resultados que se obterían da aplicación deste sistema, Eva Mª Soto salienta na súa tese a mellora da competitividades dos estaleiros que ven dada por varios factores resultado deste novo xeito de deseñar e fabricar barcos. Así, reduciríanse os gastos de software dentro de todo sector naval “xa que estamos falando de obter unha ferramenta de baixo custo e de fácil acceso a todas as empresas dos sector”. Por outra banda acadaríase unha unicidade da información ao traballar cun modelo único, eliminando así ambigüidades e lagoas na fabricación e evitándose así “custosas tarefas de reparación de erros”, explica a investigadora. Outra da vantaxes deste sistema é a ausencia de perdas de control sobre a información durante a manipulación e intercambio entre deseño y produción “xa que é a empresa a que xestiona eficazmente os permisos e a información dende a plataforma”.
Outros dos factores clave para este aumento da competitividade son a minimización do tempo de elaboración do proxecto e da construción do buque, o aumento da calidade da información xerada en cada etapa e a posibilidade de fabricar con maior seguridade, optimizando os recursos dos estaleiros, flexibilizando as relación e axilizando a comunicacións. Finalmente, a autora da tese salienta a mellora da comunicación con outros programas, fomentando a introdución de novas técnicas de cálculo no estaleiro “como cálculos fluído-dinámicos, por volumes finitos e por elementos finitos, obtendo así unha maior calidade e eficiencia” tanto en produtos como en procesos.
Con todo, para acadar este aumento na competitividade, Eva Mª Soto atendeu tamén ao punto de vista económico, polo que o desenvolvemento da plataforma foi baseado nun software comercial de baixo custo e empregando aplicación de software libre.

Datos biográficos

Eva Mª Soto é enxeñeira industrial pola Universidade de Vigo dende 2003 e, na actualidade, traballa na spin-off universitaria AZTECA Consulting cunha subvención nacional do programa Torres Quevedo. Ata o 2006 desenvolveu o seu traballo de investigadora no Departamento de Deseño na Enxeñaría da ETS de Enxeñeiros Industriais e de Minas da Universidade de Vigo coa participación nos proxectos de investigación, contratos e convenios de I+D+i e IDT para empresas ou administracións. Entre os traballos de investigación nos que tomou parte destacan o desenvolvemento de bateas somerxibles de baixo custo ou un proxecto sobre metodoloxías de integración e aplicación de tecnoloxías avanzadas de enxeñaría inversa, ambos financiados pola Xunta de Galicia.
Soto participou tamén en contratos de I+D de especial relevancia con empresas ou administracións públicas en temas como o desenvolvemento dunha embarcación ecolóxica, unha separadora de biomasa ou a optimización de Gamas Catálogo e parametrización dos distintos sistemas de manutención industrial.