DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os grupos GTI e DE3 desenvolven un acelerómetro cun móbil como interface

Un sistema intelixente para o control da actividade física dos maiores xurdido da sinerxía

Permitirá comunicar en tempo real datos sobre os exercicios realizados polo usuario

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Camino Carballeira DUVI 18/06/2009

Idear ferramentas para que os maiores teñan unha mellor calidade de vida e aprender a xestionar o envellecemento que progresivamente acada a poboación é un dos maiores retos que teñen ante si boa parte das sociedades desenvolvidas. Nesa liña, dous grupos de investigación da Universidade, o de Tecnoloxía da Información (GTI) da EUET Telecomunicacións e o de Didáctica da Actividade Física (DE3) da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, aunaron os seus coñecementos e teñen creado un sistema de control da actividade física das persoas maiores a través de elementos intelixentes. Mediante o desenvolvemento dun acelerómetro e a través dun móbil como interface, o sistema poderá comunicar en tempo real datos sobre o programa de exercicios que un usuario realiza a un profesional que realice o seu control e supervisión.
O acelerómetro é un dispositivo que pode informar da cantidade de actividade física, expresada nas variacións de aceleración do centro de gravidade e calcular o gasto enerxético. O proxecto contempla a súa colocación dentro do móbil, que é o soporte cara o que tenden a converxer todos os dispositivos, e permitiría “un control personalizado de cómo cada usuario leva o seu programa”, explica Vicente Romo, director do grupo DE3. No seu funcionamento, o sistema emprega o razoamento de casos (semellante ao que emprega o cerebro humano) “para aprender da experiencia de situacións anteriores e avaliar ao suxeito conforme os datos que ten e recibe”. Ao mesmo tempo, e cun sistema de balizas, sería quen de situar ao suxeito no espazo e xa que logo “avaliar os seus traxectos”.

Xestión do envellecemento da poboación

En Galicia, unha das zonas máis envellecidas, esta aplicación redobra a súa importancia. De feito, cientificamente unha sociedade catalógase como anciá cando máis do dez por cento da súa poboación supera os sesenta e cinco anos. En España a cifra acada o 17 por cento, en Galicia ascende ao 20 por cento e unha provincia como Lugo chega a ter cotas de máis do vinte e cinco por cento. Non só iso, como apunta Romo, “cada vez aumenta máis a porcentaxe de persoas de máis de oitenta anos”. Un peso económico e social para o que a sociedade debe buscar ferramentas que axuden a soportalo e xestionalo.
O proxecto, que está en fase de experimentación, vén de ser presentado no Congreso Internacional de Málaga e nas II Xornadas de Biomedicina da Universidade ofrecendo “datos da arquitectura a grandes rasgos e non detalles do funcionamento do sistema intelixente”. Todo porque a patente aínda non está retirada (esperan facelo ao longo do próximo ano) e convén gardar os aspectos técnicos. O equipo traballa na súa mellora e miniaturización pero os datos xa son satisfactorios xa que, segundo avanza Romo, “os máis sofisticados do mercado teñen un custe de 600 euros e nós conseguimos facer un por 20 e que funciona mellor”.

Universidade ao servizo da sociedade

Uns carecían de coñecementos sobre as ciencias da actividade física e do deporte e outros son totalmente alleos ao campo das telecomunicacións pero esta iniciativa, é tal e como apunta Romo, “un exemplo clarísimo da optimización dos recursos que nos dá a sociedade aos que realizamos investigación na universidade. “Non pretendemos gañar nada, senón cumprir coa nosa misión e quitar partido da importancia da Universidade de Vigo na investigación tecnolóxica”, explica. E é que esta colaboración é unha clara aposta por unha investigación directamente aplicada á sociedade. Non en van está demostrado que das dependencias que pode ter un ancián, a máis cara é a dependencia física, sobre a que precisamente incide este programa.