DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Por primeira vez na historia do SUG, Vigo implantaría tres titulacións, Santiago dous e Coruña unha

O Sistema Universitario de Galicia podería impartir o vindeiro curso seis graos co 80% da docencia en galego 

Segundo a proposta aprobada hoxe pola Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Lingua Galega
  • Reitor
  • Visitas
  • Institucional
Mª del Camen Echevarría DUVI 27/05/2019

Os graos en Comunicación Audiovisual, Educación Infantil e Educación Primaria que se imparten na Universidade de Vigo; o Grao en Xornalismo e o Grao en Educación Social da Universidade de Santiago e o Grao en Educación Social da Universidade de A Coruña poderán impartirse cun 80% da docencia en galego a partir do vindeiro curso 2019-2020. Nun acordo cualificado de “histórico” polos seus membros, a Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística acordou este mediodía trasladar á Secretaría Xeral de Universidades, para a súa aprobación e execución o vindeiro curso, unha proposta conxunta das tres universidades do sistema galego para a implantación en tres graos da Universidade de Vigo, dous de Santiago e un de A Coruña do 80% da docencia en lingua galega. “É algo histórico no SUG que haxa unha planificación, unha dotación orzamentaria e unha execución desta parte do Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia 2016-2021”, sinalou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que lembrou que se trata dunha medida recollida no documento financeiro, pero que estaba sen aplicar. Pola súa banda, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, manifestou a súa satisfacción por que a institución fose quen, despois de manter encontros con todas e todos os responsables do centros, de presentar tres graos para que se imparta o 80% da docencia en galego. “Traballamos con todos os centros, pero algúns non eran capaces nun prazo tan breve como o que tivemos, de acadar o 80% da docencia en lingua galega, pero estamos moi satisfeitos de presentar tres graos, que esperamos que en anos sucesivos vaian medrando”, sinalou o reitor vigués.

A proposta da Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística, que este mediodía se reuniu no campus vigués, será trasladada agora á Secretaría Xeral de Universidades “e todo apunta a que solucionadas algunhas cuestións burocráticas ou administrativas, que teñen que ver coa xuntanza da vindeira comisión de seguimento do Plan de Financiamento das universidades, poda executarse esta previsión para o vindeiro curso”, explicou o secretario xeral de Política Lingüística. García, tamén destacou que con esta medida, ademais de buscar a formación en galego, tamén “se procura a rendibilidade que esta medida pode ter á hora de buscar esa segunda socializacion da mocidade, mozas e mozos que falan pouco e non falan galego, para que o incorporen á súa formación pero tamén a outros labores, porque as universidades non só son institucións de formación, senón que tamén preparan actitudes e crean espazos de uso común da lingua galega da xente nova”, sinalou o secretario xeral.

Financiamento compartido entre a Xunta e as universidades

Tal e como se recolle no Plan de Financiamento do SUG, a Xunta asumirá a financiación dun único grao por universidade, de xeito que as institución académicas terán que asumir o pago do resto de titulacións que queiran implantar co 80% da docencia en galego. “Na primeira reunión da Comisión de Política Lingüística acordamos que cada universidade presentaría unha proposta que é o que lle imos pedir á Xunta, pero nós imos complementar esa cantidade para impartir tres titulacións, xa que houbo unha resposta moi positiva por parte dos nosos equipos decanais e de dirección dos centros e paga a pena facer o esforzo”, explicou o reitor da Universidade de Vigo. 

Tanto Reigosa, como García valoraron de xeito moi positivo o traballo realizado pola Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística, que foi quen, en poucas semanas de sacar adiante esta proposta. “Debemos felicitarnos de ter unha proposta moi madura enriba da mesa e tamén do compromiso económico adquirido polas universidades de Vigo e Santiago, que financiarán a maiores dous e un grao, respectivamente. Non só hai vontade lingüística ou social, senón tamén económica”, dixo o secretario xeral. Cara ao futuro, Valentín García sinalou que a incorporación de novos graos con docencia en galego terá que ser obxecto dunha negociación nun plan feito a medida dos plans de formación de cada universidade do SUG, “no que reforzar a presenza do galego e por extensión na mocidade en Galicia é prioritario para a Xunta e entendo que tamén é a vontade das tres universidades”.

A universidade como un espazo para o galego

Na súa reunión de hoxe, a Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística tamén deu luz verde á proposta A universidade como un espazo para o galego, dirixida preferentemente á mocidade de bacharelato, que nun futuro inmediato vai comezar os seus estudos universitarios, co obxectivo de singularizar a institución académica como un lugar que favorece o mantemento lingüístico e mobiliza a conversión lingüística nas e nos potenciais neofalantes e contribuír a identificar a universidade como un espazo idóneo de transición cara unha nova subxectividade na que a (nova) lingua ha ser un elemento central. 

“Trátase de divulgar de xeito creativo e a través de medios audiovisuais as universidades como espazos para o galego tradicional e tamén o neogalego. Para iso seleccionaranse sete centros, un por cada campus galego, para facer divulgación sobre as propostas e tamén se fará un documental sobre as posibilidades da universidade para a conversión lingüística, co obxectivo de difundir as universidades como espazos de galeguización”, explica Fernando Ramallo, director da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo e membro da comisión.