DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Beatriz Diz, titulada pola EE Forestal, recollerá o venres este galardón

A Sociedade de Ciencias Forestais premia un estudo sobre os mecanismos de defensa dos piñeiros

A investigación aborda as reaccións destas árbores ante o ataque do gurgullo a exemplares do seu red

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI 19/03/2014

O Palacio de Santa Cruz de Valladolid será este venres o escenario da entrega dos Premios Nacionais Universitarios da Sociedade Española de Ciencias Forestais (SCEF). Nese acto estará presente Beatriz Diz, unha titulada pola Escola de Enxeñaría Forestal cuxo proxecto de fin de carreira foi distinguido cun accésit na categoría de mellores tesinas e proxectos de fin de carreira e grao. “Aínda non mo creo”, afirma esta egresada, que viu recoñecido con este galardón “un ano de moita dedicación” á análise de como reaccionan os piñeiros cando perciben o dano que os insectos están a producir nas árbores do seu redor.

“Para advertir á súa contorna de que están sendo atacadas as plantas liberan á atmosfera unhas substancias volátiles, case invisibles, e cuxa composición varía en función do atacante”, explica Diz, que centrou a súa investigación Percepción do risco de herbivoría en dous piñeiros de interese forestal: cambios na química defensiva na análise das reaccións que esta chamada de alerta provocaba en dous tipos de piñeiro, o pinus radiata e o pinus pinaster. Segundo relata esta egresada, as investigacións realizadas previamente con “numerosas plantas vasculares” permitiran constatar como as árbores “varían a súa composición química en función desas substancias volátiles e incrementan a cantidade de resina, xa que resulta tóxica para algúns insectos”. Por iso o obxectivo da súa investigación era precisamente coñecer como respostaban en concreto este tipo de árbores cando tiñan ao seu redor exemplares aos que se lles inoculara o gurgullo do piñeiro.

Co profesor da EE Forestal José Carlos Souto como titor, Diz desenvolveu o seu proxecto de fin de carreira na Misión Biolóxica de Galicia, no seo do grupo de investigación en Xenética e Ecoloxía Forestal deste centro dependente do CSIC. Alí, baixo a dirección de Rafael Zas e Luis Sampedro, esta enxeñeira técnica forestal puido constatar que “os piñeiros poden percibir os cambios na súa contorna e modificar dalgunha maneira o seu sistema defensivo, aumentando a súa toxicidade para que os insectos non lles ataquen”. Para chegar a esta conclusión, Diz analizou unha serie de exemplares que permaneceran durante 41 días nunha atmosfera illada xunto a aqueles aos que se lles inoculara o gurgullo. No caso das árbores que se atopaban a carón das infectadas, Diz comprobou o esperado incremento da concentración de resina. “Mais non en toda a planta”, engade, xa que esta concentración afectaba principalmente á parte superior do pinus radiata é a inferior do pinaster, uns resultados que no seu proxecto definiu como “paradoxais e contraditorios cos rexistrados en traballos anteriores con piñeiros, xa que a concentración debería ser superior na parte superior da árbore”.

Uns premios aos que concorren investigadores de toda España

Abertos ás investigacións realizadas por universitarios de toda España, os premios que desde o ano 2007 outorga a SECF buscan fomentar o estudo e o progreso das ciencias forestais a través dunha convocatoria á que concorren “desde os seus inicios, un importante número de traballos”, segundo destaca a sociedade organizadora. Un xurado integrado por sete doutores encargouse posteriormente de proclamar aos gañadores nas diferentes categorías, tendo en conta aspectos como a orixinalidade, as metodoloxías aplicadas, a relevancia dos resultados obtidos ou a aplicabilidade práctica dos mesmos. E no caso do galardón ao mellor proxecto de fin de carreira ou grao, o xurado outorgou o primeiro premio ao traballo presentado Miguel Jiménez, da Universidad Politécnica de Madrid, distinción á que sumou o accésit que outorgou a Diz, dotado con 600 euros.

Rubén Manso, tamén da Politécnica de Madrid e Aitor Amenztegui, da Universitat de Lleida, foron premiados nas categoría de teses de doutoramento, mentres que na modalidade de fin de máster foron recoñecidas Dolores Agúnez, da Politécnica de Madrid, e Diana Bezos, da Universidad de Valladolid. Completan a relación de premiados Luis Santos, da Universidad de Valladolid, e Diana Barba, da Universidad Católica de Ávila, autores dos mellores proxectos relacionados co material forestal de reprodución.