DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Acto de graduación da XIII promoción de Publicidade e RRPP e da VI e VII de Comunicación Audiovisual

A sociedade conta cunha nova xeración de 'comunicadores polivalentes'

A vicerreitora do campus e o profesorado lanzaron unha mensaxe optimista ao alumnado "para seguir na

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijóo DUVI 27/04/2012

Unha tarde de reencontros. Este venres, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación díxolle “ata logo” a unha nova xeración de “comunicadores polivalentes” na celebración do acto de graduación da XIII promoción de Publicidade e Relacións Públicas e da VI e VII de Comunicación Audiovisual, que remataron os seus estudos o pasado curso. A emoción dos novos egresados e o orgullo dos pais foron os principais ingredientes dun acto pensado por e para os alumnos e que contou coa presenza da vicerreitora do campus, Antonia Blanco, do presidente do Consello Social da Universidade, Ernesto Pedrosa, e do profesor emérito e primeiro decano do centro, Manuel Fernández Areal.

A vicerreitora Antonia Blanco agradeceu aos novos titulados e tituladas que escolleran á Universidade para formarse como profesionais da comunicación. “Xa estades fóra, pero seguides formando parte desta institución. Désteslle vitalidade e espero que levedes o nome da Universidade de Vigo por todo o mundo, sentíndovos orgullosos de ter formado parte da mesma”, apuntou a vicerreitora. Juan Manuel Corbacho, decano do centro, recordoulle ao seu alumnado que a aprendizaxe “non acaba aquí” e aconselloulle a necesidade de seguir formándose como “comunicadores polivalentes”. Ante a incerteza laboral, Corbacho lanzou unha mensaxe optimista e sinalou que non é o momento de preguntarse “e agora que, senón de responder agora si, vós podedes e o límite marcádelo vós”. O decano tamén dedicou unhas palabras en lembranza de Fernando Bandín, técnico da Biblioteca Central do campus, que faleceu recentemente.

Ánimo dos padriños e palabras de agradecemento do alumnado

Tres “orgullosos” profesores do centro subiron ao estrado para dirixirlle unhas palabras aos seus “afillados”. Miguel Anxo Fernández, padriño da VI promoción de Comunicación Audiovisual, deu pulo aos novos egresados, “non desfalezades nunca, sodes a mellor xeración de xente preparada”, declarou. Pola súa banda, o docente Carlos Soutelo, que apadriñou á VII promoción de Comunicación Audiovisual, confesou sentirse emocionado de reencontrarse con antigos alumnos “e comprobar como uns xa están traballando, outros seguen estudando ou esperando a súa oportunidade”. Soutelo recomendoulles que sexan igual de activos que durante a carreira “e ensinade sen medo os vosos proxectos, porque así é como conseguiredes avanzar”. Nesta idea tamén afondou Alberto Dafonte, padriño do estudantado de Publicidade, que destacou a importancia de seguir cultivando e alimentando os intereses e as inquedanzas persoais e profesionais. “Neste momento comezades un camiño no que hai que decidir coller trens que nunca máis volverán a pasar e só o tempo indicará se atinastes ou vos equivocastes”.

Os alumnado tamén tomou a palabra neste acto de graduación no que Jessica Fernández e Ómar Juan Letum falaron en nome dos seus compañeiros. Fernández, da XIII promoción de Publicidade e Relacións Públicas, agradeceu publicamente o esforzo e dedicación “de todas as persoas que fixeron posible que hoxe estivéramos aquí”, referíndose en concreto aos familiares e ao profesorado do centro, “que nos apoiaron en todo momento”. Ómar Juan Letum, en representación do alumnado de Comunicación Audiovisual, fixo unha panorámica da realidade do sector e aclarou que o futuro “vai ser un camiño longo, moi longo e durísimo”, ademais de sinalar a necesidade de dignificar a profesión da comunicación “para que nos valoren como é debido”.

Na celebración tampouco faltou a música, pois un grupo emerxente de pop amenizou o encontro que rematou coa entoación do Gaudeamus Igitur. O acto foi retransmitido pola Uvigo.tv e gravado por alumnado de segundo curso de Comunicación Audiovisual que aproveitou a ocasión para realizar unha práctica de realización en directo con varias cámaras.