DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Pontevedra acolle as 'I Xornadas Interdisciplinares de formación e innovación educativa'

A sociedade demanda docentes comprometidos co futuro de menores conflitivos e en risco de exclusión

O pedagogo Eladio Rodríguez sinala que a mentalidade europea dificulta o traballo dos docentes fóra

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 14/12/2011

O número de denuncias por maltrato de fillos a pais multiplicouse por tres dende 2005. Este dato evidencia unha problemática social cada vez maior na que o mundo da ensinanza debe intervir pero “cun cambio de mentalidade”. Esta idea é a que defende o pedagogo Eladio Rodríguez, sobre todo en casos de menores en risco de exclusión social, nos que os docentes deben involucrarse persoalmente “máis aló da ensinanza estruturada e académica”. Rodríguez é un dos expertos que participa nas I Xornadas Interdisciplinares de formación e innovación educativa, organizadas pola Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e coas que se pretende achegar ao alumnado ás novidades en materia educativa que se están desenvolvendo dende unha óptica multidisciplinar e “recibindo de primeira man experiencias vivenciais e innovadoras do momento”, segundo o profesor Roberto Barcala, organizador das xornadas.

Eladio Rodríguez diferenza dous campos de actuación dentro do contexto educativo. Para o experto é importante traballar dende as facultades o grao de compromiso social do profesor para formar “docentes que non sexan conformistas”. No momento actual considera que a ensinanza ten dúas saídas, “ou ben se enfoca exclusivamente aos contidos teóricos sen prestar atención ao menor ou entende que a educación non é soamente contido, senón que transcende ao ámbito persoal pois traballamos con seres humanos, non con produtos”.

Un labor incomprensible

Rodríguez é consciente de que esta competencia docente debe superar moitas trabas e prexuízos para que se implante por completo dentro do método pedagóxico. “No ámbito europeo é incomprensible que un profesor poida atender fóra do seu horario unha cuestión educativa”, ao que engade as críticas, sospeitas e malas interpretacións “que derivan do feito de que un profesor manteña unha relación estreita co seu alumno”. Non obstante, considera que este rol “de pai e protector” esixe unha excesiva responsabilidade por parte do docente, “xa que en moitas ocasións supón un risco e afecta a súa vida persoal”.

Despois de ter desenvolvido programas de inserción social tanto en Latinoamérica como en España, Rodríguez declara que a pesar de compartir lingua, a realidade social é completamente diferente. Mentres que nos menores españois problemáticos está en xogo a súa calidade de vida, “en países como Colombia ou Venezuela a preocupación recae na propia vida, en como sobrevivir e non morrer de fame”, puntualiza. Como consecuencia, a intervención educativa dun lugar a outro dista moito, “sendo nos países latinos máis común o compromiso persoal do profesor co menor de idade”.

Dende a horta escolar ata a importancia das titorías

Co fin de achegar prácticas innovadoras educativas ao alumnado dos graos en Educación Infantil e Primaria da facultade pontevedresa, o programa das xornadas inclúe ademais un achegamento a métodos pedagóxicos novidosos, como os beneficios do teatro, dos xogos ecolóxicos ou o valor educativo dunha horta escolar. A importancia das titorías no marco do EEES foi abordada na conferencia inaugural por Lucía Herrera, profesora da Universidad de Granada e experta na orientación persoal e profesional do alumnado universitario.