DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No seu congreso anual celebrado en Zaragoza

A Sociedade Española de Hipertensión outorga cinco premios ao proxecto Hygia

Os investigadores presentarán os traballos premiados no mes de maio en Nova Iork e en xuño en Oslo

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 26/03/2010

Cinco dos traballos de investigación presentados polos investigadores do Laboratorio de Bioenxeñaría e Cronobioloxía da Universidade e polos integrantes do proxecto Hygia, no que participan máis de 200 investigadores do Servizo Galego de Saúde foron premiados na 15ª Reunión Nacional da Sociedade Española de Hipertensión, celebrada recentemente en Zaragoza, co premio ao mellor traballo de investigación en cada unha das cinco áreas nas que participaron.
O director do laboratorio e coordinador do proxecto, o catedrático Ramón Hermida, valorou a nova coma “un recoñecemento máis a un traballo ben feito”, ao tempo que sinalou que “é un bo indicador de que o que se está facendo en Galicia está marcando o camiño por onde deben ir as cousas na valoración do risco vascular”, ao que engadiu que o feito de que un mesmo grupo de investigación reciba premios en cinco categorías distintas “reflicte a amplitude de temas nos que está a traballar o laboratorio de Cronobioloxía da Universidade”.
Líderes na valoración diagnóstica do paciente hipertenso, os investigadores do proxecto Hygia conseguiron establecer un mellor esquema terapéutico e mellorar o seu grado de control, diminuíndo polo tanto o risco de que estes pacientes teñan problemas cardiovasculares e aumentando, por tanto, a súa esperanza de vida.

Cinco liñas de traballo para diminuír o risco cardiovascular

Grupo especializado en enxeñaría biomédica, o equipo de Hermida recibiu o premio á mellor comunicación na área de Medida da presión arterial polo traballo Influencia da monitorización ambulatoria da presión arterial na toma de decisións terapeúticas: proxecto Hygia. Este proxecto, recentemente presentado á opinión pública galega, demostrou que a monitorización ambulatoria é unha ferramenta practicamente indispensable, non só para a valoración correcta do risco vascular, senón fundamentalmente no día a día do seguimento dos pacientes.
Outro dos traballos galardoados, neste caso na área Síndrome metabólico, prediabete e diabete, foi Prevalencia dun patrón non-dipper da presión arterial ambulatoria en suxeitos hipertensos con ou sen diabete: proxecto Hygia. Neste traballo avaliáronse máis de 4000 pacientes e demostrouse que preto do 70% dos pacientes con diabete teñen unha marcada alteración da presión arterial durante o seu descanso nocturno, o que conleva unha elevada taxa de erros no diagnóstico da hipertensión e na valoración do risco cardiovascular destes pacientes cando non se emprega a monitorización ambulatoria da presión arterial. “O que fixemos foi conseguir demostrar que esta técnica diagnóstica é un requisito asistencial para a valoración de risco cardiovascular en pacientes con diabetes”.
Todos relacionados coa hipertensión arterial, “cada un dos traballados premiados aborda un aspecto ou unha liña distinta”, apunta Hermida, ao tempo que explica que as outras áreas nas que recibiron premios foron Estratificación do risco, Monitorización ambulatoria da presión arterial, e Tratamento farmacolóxico da hipertensión arterial, neste caso por un traballo que demostra “que cando se dá un tratamento axeitado para facer que a presión descenda adecuadamente durante a noite, non só se mellora o control da presión arterial, senón que iso mellora tamén a función do ril, o que supón un beneficio terapéutico moi importante”.

Próximas citas: Nova York, Oslo e Vigo

Os investigadores do Proxecto Hygia participarán tamén no congreso da Sociedade Americana de Hipertensión que se celebrará en Nova York no mes maio, onde presentarán os resultados de todas estas investigacións e, de seguido, farano no Congreso Europeo de Hipertensión que nesta ocasión terá lugar en Oslo (Noruega) no mes de xuño.
Despois a seguinte cita será en Vigo, xa que do 5 ao 9 de xullo a Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicación acollerá a 26 Conferencia da Sociedade Internacional de Cronobioloxía, un evento que contará coa participación de expertos a nivel internacional en todas as disciplinas de investigación básica e clínica en Cronobioloxía e Cronoterapia, ámbitos que desde fai anos achegaron innumerables avances en prevención, diagnóstico e tratamento de enfermidades e no que o grupo vigués leva anos marcando tendencias, pois como lembrou Hermida, ademais dos temas de risco cardivascular, o grupo ten ampla experiencia en campos coma obstreticia e xinecoloxía, oncoloxía e endocrinoloxía.