DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi presentada na inauguración das "I Jornadas de Psicología Jurídica y Forense"

A Sociedade Galega de Psicoloxía Xurídica e Forense promoverá os contactos entre investigadores e profesionais

Ron Roesch, director do Mental Health, Law & Policy Institute, ofreceu o primeiro relatorio

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 15/05/2009

Prestan un labor imprescindible, pero moitas veces descoñecido, nos tribunais, nas institucións penitenciarias ou na intervención cos menores. Para dar a coñecer á sociedade a realidade do seu traballo e establecer contactos entre investigadores e profesionais nace a Sociedade Galega de Psicoloxía Xurídica e Forense que este venres foi presentada nas I Jornadas de Psicología Jurídica y Forense, organizadas en colaboración co grupo PS1 da Universidade de Vigo.
Na súa primeira edición, esta iniciativa tivo ademais a grande oportunidade de contar coa presenza de Ron Roesch, un referente mundial neste campo que dirixiu durante moitos anos a división 42 (a relativa a esta área) da American Psycological Association, para abrir a súa programación. Tamén interviu na sesión da mañá a doutora Kimberly van der Woerd, da Simon Fraser University.
Luisa Blanco Caramés, a súa presidenta, presentou á nova sociedade como un grupo de profesionais, que quere relacionar a produción científica e a práctica profesional, mantendo o contacto coas asociacións para desenvolver e potenciar as relacións entre a psicoloxía e o mundo do dereito e a xustiza”. A contribución á difusión do coñecemento, a representación dos profesionais e a potenciación dunha imaxe social axeitada á realidade deste ámbito, son outros dos obxectivos da organización. Como apoio á súa creación, o presidente da Sociedad Española de Psicología Jurídica y Forense, Ramón Arce, sinalou a súa importancia nun momento “en que é necesario unha redefinición da área para un mellor funcionamento da xustiza e dos servizos sociais da lei”, un campo “con grandes posibilidades”. O vicerreitor de campus, Jesús Hernández, indicou pola súa parte que “a transformación da Universidade” engarza á perfección coa filosofía destas xornadas de “aproximación do ámbito profesional coa formación”. Unha tarefa precisa para “unha formación cualificada para servir á sociedade en que vivimos”.

 

Estratexias para reducir o comportamento violento

O prato forte do programa destas xornadas, a intervención de Ron Roesch, foi precisamente o primeiro. O doutor canadiano achegou as súas consideracións sobre as estratexias para reducir o comportamento violento na xuventude e a importancia da súa prevención. Roesch comezou indicando que hai vinte anos as predicións arredor dos factores de risco da violencia "non eran moi bos, de feito bastante malos” pero que neste período “as investigacións téñenos identificado e melloraron moito, aínda que non son perfectos”. O punto sobre o que considera que aínda hai moito que traballar é sobre a avaliación “daqueles que pensamos que van ser violentos, pero ao final non o son”, un erro grave porque “se lles condena porque pensamos que van ter condutas violentas”. Un dos puntos nos que Roesch fixo máis fincapé foi na importancia de atender e intervir “non só no individuo senón tamén no seu contexto (familia, escola, vecindario, amigos…” porque todos eles “teñen un impacto no seu comportamento”. Ofreceu datos para o optimismo xa que achegou estudos que indican que gran parte dos mozos que cometen actos violentos, cando chegan a adultos non continúan con este comportamento. A raíz desta consideración, o relator compartiu unha investigación da Universidad de Los Ángeles que pon de manifesto como as zonas do cerebro encargadas da toma de decisións aon unhas das últimas en completar o seu desenvolvemento, algo que ocorre entre os 20 e 25 anos. É por iso que Roesch considera que as políticas “de resposta dura fronte aos crimes nos mozos deben ir da man de estrategias de prevención”.

Estreita colaboración entre as universidades galegas

A organización destas xornadas e a súa difusión e interese é unha boa mostra da estreita relación que “desde hai moitos anos manteñen as universidades galegas”, segundo explicou Francisca Fariña, coordinadora das mesmas. Gran parte dos participantes nas sesións son alumnos da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus, interesados pola temática, pero tamén se achegaron moitos estudantes de titulacións como Traballo Social, Dereito ou Psicoloxía da USC.
Esta boa sintonía está detrás dun proxecto para a creación dunha rede de investigación, coordinada desde a Universidade de Vigo, na que se integren os grupos das tres universidades galegas. E é que as investigacións relativas a este campo realizadas en Galicia están “altamente recoñecidas”, como sinala Fariña, no resto de España e boa proba diso son as catro cátedras existentes, algo que non ocorre en ningunha outra autonomía.