DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Sociedade Mineralóxica Galega convoca o concurso de fotografía "Mundo Mineiro 2008"

O prazo de presentación das imaxes remata o vindeiro 2 de xuño

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 26/05/2008

A Sociedade Mineralóxica Galega, xurdida do seo da ETS de Enxeñeiros de Minas da Universidade, está a organizar a primeira edición de Mundo Mineiro 2008, un concurso de fotografía co que pretender dar a coñecer o seu ámbito de traballo e estudo. Esta asociación, formada principalmente por estudantes, ten a finalidade de promover, difundir e coordinar actividades de interese para a formación de mineraloxistas afeccionados e fomentar o coleccionismo, servindo como centro de información e difusión entre os interesados.
Dentro do seu programa de actividades, este ano organizaron esta primeira edición do concurso de fotografía mineira que, cunha dotación de 700 €, “pretende beneficiar a toda a sociedade ao cubrir un oco que existía ata o de agora na cultura”, explica Martín Amoedo, presidente da asociación. A idea de organizar esta actividade “xurdiu dun concurso fotográfico que organizou a Cámara Oficial da Minería de Galicia no ano 2007 e a nosa idea é continuar coa organización nos vindeiros anos”, engade Amoedo.
No que se refire aos contidos, Mundo Mineiro comprende calquera temática relacionada coa minería e as fotografías poden ter como protagonistas aos propios minerais, a maquinaria, o patrimonio mineiro ou ben compoñer bodegóns mineiros. O certame, destinado a toda a cidadanía, estará aberto ata o vindeiro 2 de xuño e a entrega dos galardóns ás tres mellores composicións terá lugar o dia 1 de xullo e, dende a organización agárdase unha importante participación, xa que “entre alumnos e profesores do centro, podemos acadar un número de fotografías importante”. O premio á mellor imaxe está dotado de 400 €, o segundo premio será de 200 € e o terceiro de 100 €.

Unha exposición, un calendario e un libro completan a iniciativa

Cada autor poderá presentar ata catro orixinais e a técnica emprega será libre, pero deberán entregar, xunto coa fotografía sobre cartolina, a mesma en formato dixital, xa que a Sociedade Mineralóxica Galega vai elaborar, unha vez decididos os premios, un almanaque cos fotos recibidas que se publicará na súa web. O presidente da sociedade explica que “faremos, ademais do calendario, un libro que recolla todas as fotografías e que explique a función da Enxeñaría de Minas e da Sociedade Mineralóxica Galega e unha exposición divulgativa que será tanto virtual como física, na propia escola”.
Toda a información sobre o concurso pode consultarse na web da Sociedade Mineralóxica Galega.