DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun acto no que se procederá ao envío telemático do proxecto ao Ministerio

Socios e apoios do Campus de Mar danse cita este xoves no Centro Social Caixanova

Coas actuacións de Dulce Pontes, Uxía e Joao Afonso, será retransmitido pola TVG2

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 15/09/2010

O Campus do Mar vivirá este xoves unha xornada decisiva co envío telemático do proxecto ao Ministerio de Educación para a súa avaliación como Campus de Excelencia Internacional. Será no transcurso dun acto que se celebrará no Centro Social Caixanova a partir das 19.00 horas e que contará coas intervencións do reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; oalcalde de Vigo, Abel Caballero; o presidente do Consello Superior de Investigacións Científicas, Rafael Rodrigo Montero e os reitores das universidades de Santiago de Compostela e A Coruña, Juan Casares Long e José Mª Barja.

Tras meses de intenso traballo, o evento deste xoves que contará coas actuacións de Dulce Pontes, Uxía e João Afonso, fará visible unha das pedras angulares do proxecto: a gran cantidade de organismos que o conforman, así como os apoios sociais e económicos cos que conta. Moitos deses socios e apoios estarán presentes no acto e outros farán visible o seu respaldo a través de diferentes vídeos que serán proxectados no transcurso do acto.

Coa presenza de representantes das universidades do Norte de Portugal e dos centros de investigación que conforman a Agrupación Estratéxica do Campus do Mar e unha boa representación da comunidade universitaria, o acto será retransmitido en directo pola segunda canle da TVG.

Resolución final en outubro

Unha vez no Ministerio de Educación, unha comisión internacional de expertos encargarase de avaliar o proxecto e, en outubro, farase pública a súa resolución final. Previamente o día 19 de terá lugar unha xornada pública de presentación na que participarán todos os proxectos seleccionados que optan á cualificación de Campus de Excelencia Internacional.