DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo a investigación de Carla Moreira

Un sofisticado método estatístico revela un aumento dos casos de cancro infantil en Portugal nas últimas décadas

Trátase da primeira tese de doutoramento europeo do Dpto. de Estatística e Investigación Operativa

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 22/07/2010

Os erros nas estatísticas poden facer que os datos varíen o suficiente como para alterar os resultados. Nos estudos epidemiolóxicos estes “truncamentos nos datos” son ignorados ocasionando nesgos importantes, algo que tentou atallar Carla Moreira na súa tese de doutoramento, a primeira na modalidade de doutoramento europeo que se realiza no Departamento de Estatística e Investigación Operativa. Moreira centrouse no cancro e desenvolveu e aplicou métodos estatísticos sofisticados para a corrección destes erros o que lle permite ofrecer por primeira vez estatísticas sobre a incidencia do cancro infantil en Portugal. Baixo a dirección do catedrático Jacobo de Uña, a investigadora desenvolveu unha ferramenta de software libre para o cómputo das correccións e amosou con estas técnicas que “o número de naipelos que sofren cancro durante a súa infancia en Portugal creceu progresivamente nas pasadas décadas, e que a idade media á diagnose sitúase en 6 anos e medio”, explica.

Novos datos sobre o cancro infantil en Portugal

Para a súa investigación, Moreira estudou 409 casos de cancro infantil que foron diagnosticados entre os anos 1999 e 2003 nos cinco distritos do norte de Portugal, Porto, Braga, Bragança, Vila Real e Viana do Castelo, a partir de datos do Instituto Oncolóxico de Porto. A tese ofrece así por primeira vez unha análise da incidencia, a tipoloxía e a supervivencia ao cancro infantil en Portugal. As cifras sinalan unha incidencia de 1.6 casos por cada 10.000 habitantes e un índice de supervivencia a cinco anos que varía do 96% en pacientes con linfomas, ata o 70% para aqueles con tumores no sistema nervioso central.

A obtención destes datos, así como os relativos ao aumento de casos nas últimas décadas, espertaron o interese de revistas científicas de relevancia internacional grazas ás súas achegas metodolóxicas. Así, a publicación dos resultados poderase ler en publicacións como Journal of Nonparametric Statistics, Statistics in Medicine ou Journal of Statistical Software.

Primeira tese europea na área de Estatística

A tese de Carla Moreira convértese así na primeira na modalidade de doutoramento europeo realizada no Departamento de Estatística e Investigación Operativa, para o que realizou unha estadía de investigación na Universidade de Minho, o que segundo o director Jacobo de Uña, “é un novo exemplo da cooperación dentro da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”. De feito, a investigadora, aínda que nada en Alemaña é de nacionalidade portuguesa. Licenciada en Matemáticas pola propia Universidade de Minho, remata o así os seus estudos no Doutoramento en Estatística que organizan conxuntamente a Universidade de Vigo, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de A Coruña.

Do tribunal da tese, defendida este xoves, formaban parte destacados expertos e investigadores do eido da análise da supervivencia e da estatística non paramétrica, como Winfried Stute, da Universidade de Giessen, en Alemaña ou Ingrid Van Keilegom, da Universidade Católica de Louvain, en Bélxica.