DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A residencia universitaria recolle alimentos ata o próximo xoves

A solidariedade chega ao campus coa Operación Kilo

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Romina Vázquez DUVI 10/12/2010
Nesta época, na que os sentimentos están máis a flor de pel que nunca pola proximidade do Nadal, os responsables da Residencia Universitaria fan un chamamento á solidariedade a través da Operación Kilo, consistente na recollida de produtos para abastecer o Banco de Alimentos de Vigo.

Deste xeito, ata o vindeiro xoves, os interesados en tomar parte na iniciativa poden facer a súa achega no espazo habilitado para tal fin na entrada do edificio, así como na cafetaría Lamarita, ubicada na área comercial da Cidade Universitaria. A idea é que participen todos os membros da comunidade universitaria, non só o alumnado, “por iso quixemos darlles as maiores facilidades posibles”, explica Mónica Costas, responsable da residencia e promotora da iniciativa, que anima a “facer calquera achega, por pequena que sexa, xa que na Universidade somos moitos e a axuda que prestemos será ben recibida” Entre os usuarios da residencia a operación está a ter moi boa acollida, segundo considera Diego Fernández, estudante que se aloxa nela, ao afirmar que “resulta moi gratificante ver como día a día aumenta a cantidade de alimentos depositados na mesa”.

Pese a que os alimentos máis demandados son o aceite e o leite, todas as achegas son benvidas, de modo que calquera produto non perecedeiro, como arroz, pastas, legumes, conservas ou fariña, ten cabida. Igualmente, de cara ás datas festivas que se aveciñan, tamén se recollen doces e postres típicos do Nadal para contribuir a que os que menos teñen poidan pasalo do mellor xeito posible.

Os Bancos de Alimentos

Fundados como institucións sen ánimo de lucro, os Bancos de Alimentos teñen como finalidade a recollida de alimentos gratuitos, a súa almacenaxe, clasificación e posterior dsitribución a centros asistenciais. Os produtos nunca se entregan directamente a particulares nin tampouco se envían ao Terceiro Mundo, posto que o obxectivo é axudar aos que están máis preto. Só en casos excepcionais de catástrofes mandan alimentos a cualquera punto de España a través dos bancos da localidade máis próxima.