DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha “chocolatada solidaria” organizada pola Delegación de Alumnos da EE de Telecomunicación

Solidariedade con sabor a chocolate

O diñeiro recadado entregarase ao Banco de Alimentos de Vigo

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 23/01/2013

“A penas é a unha da tarde e vendemos xa máis de 120 chocolates”, así de satisfeito se amosaba este mediodía Rubén Suárez, un dos impulsores da Chocolatada Solidaria, unha iniciativa organizada desde a Delegación de Alumnos da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación co obxectivo de recadar fondos que doarán ao Banco de Alimentos de Vigo. “Queriamos facer algo diferente e innovador e que ademais tivese beneficios sociais”, apunta o alumno, ao tempo que explica que a ‘chocolatada’ se organizou por primeira vez o curso pasado. “Gustounos como saíu e decidimos repetila e tamén ampliala”, sinala en referencia a que nesta ocasión ademais da venda de chocolate puxeron en marcha unha campaña de recollida de alimentos que se prolongará durante toda a semana na propia Delegación de Alumnos.

Instalados estratexicamente na entrada da escola e dotados dun fornelo co que manter o chocolate “ben quentiño”, foron moitas as alumnas e alumnos que se achegaron a coller un vaso desta típica larpeirada invernal. Para acompañalo non faltaba roscón e galletas, “que amablemente nos cederon os responsables da cafetaría do centro”, subliñou Rubén Suárez, que explica que tamén foron moitos os alumnos “que trouxeron os seus propios doces da casa para que puidésemos ofrecer algo co que acompañar o chocolate”.

Satisfeitos coa resposta que están a obter, dende a Delegación da Alumnos están xa a artellar outras actividades solidarias que levar a cabo, “que tal unha limoada solidaria?”.