DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cunha exposición e unha xornada de relatorios o campus celebra o Ano Internacional dos Morcegos

As sombras da noite aniñan no Edificio de Ciencias Experimentais

Organizado polo Grupo de Ecoloxía Evolutiva da Facultade de Bioloxía

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría DUVI 28/11/2011
Cualifícanos os seus defensores de arquitectos, sombras e incluso reis da noite, unha visión moito máis poética que a que teñen as persoas que ven neles a seres repulsivos e mesmo arrepiantes. Así son os morcegos, os únicos mamíferos que ademais de ser quen de voar non deixan indiferente practicamente a ninguén, tanto é así que o Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente acordou instaurar un Ano Internacional dos Morcegos que cunha xornada de relatorios e unha exposición se celebra desde hoxe no Edificio de Ciencias Experimentais.

Tras anos traballando na análise do papel de estes organismos como "arquitectos da paisaxe" en ambientes tropicais, o profesor Luís Navarro, director do Grupo de Ecoloxía Evolutiva da Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo que organiza xunto ao estudante de doutoramento cubano Danny Rojas, tanto a exposición de paneis que se poderá visitar ata o venres, como as charlas que se desenvolveron esta tarde, constatou que os morcegos teñen moi mala imaxe na sociedade a pesar de ser un dos principais artífices de que os ecosistemas funcionen correctamente. “Con motivo da celebración do Ano Internacional dos Morcegos, pensamos que era unha boa oportunidade para tratar de achegar un pouco máis a estes ‘reis da noite’ á sociedade e poñer en valor o seu papel real nos nosos ecosistemas”, explica Navarro que xunto a Danny Rojas do Grupo de Ecoloxía e Evolución da Universidade de Vigo; Roberto X.Hermida da Asociación Drosera-SECEMU e Francisco Arcos de ARCEA, Xestión de Recursos Naturais, analizou nos relatorios celebrados esta tarde a importancia dos morcegos nos ecosistemas.

Especies esenciais na contorna

Romper a negra lenda que envolve aos quirópteros, poñendo de manifesto algunhas das espectaculares adaptacións de estes organismos para colonizar practicamente todo o planeta agas as zonas árticas e os desertos máis extremos, centrou boa parte do relatorio de Luís Navarro titulado Descubrindo as sombras da noite. Navarro situou a orixe dos morcegos hai 50 millóns de anos a partir de roedores arborícoras que desenvolveron membranas interdixitais que lles permitiron inicialmente planear e máis tarde voar. En relación cos hábitos nocturnos dos quirópteros o profesor do Departamento de Ecoloxía Vexetal, citou as tres teorías existentes: unha primeira e menos estendida que xustifica a nocturnidade dos morcegos para evitar ter que competir cos paxaros polo alimento; unha segunda apoiada no risco de hipertermia que sofren ao carecer de protección nas membranas, o que provoca unha gran elevación da temperatura corporal ao expoñerse ao sol, e unha terceira baseada en evitar aos depredadores diúrnos, como aves ou serpes.
Tras deixar claro que só tres especies das máis de 1200 que existen no mundo se alimentan do sangue de mamíferos domésticos como os porcos, Navarro destacou de entre as adaptacións desenvolvidas polos morcegos a ecolocalización “que lles permite a través da emisión de sinais de alta frecuencia e a posterior recollida dos ecos que producen, reconstruír a contorna na que se atopan para poder orientarse na noite”.

Sobre o papel que os morcegos teñen na construción e funcionamento dos nosos ecosistemas, Navarro incidiu en que “estes organismos desempeñan un papel fundamental no mantemento e rexeneración de bosques, na dispersión de sementes ou a súa actuación como axentes de control de pragas”. O director do Grupo de Ecoloxía de Evolución da Universidade de Vigo afirma que sen morcegos “a vida no planeta sería, definitivamente, moito máis complicada” ao tempo que alerta, nos últimos anos, da desaparición de moitas colonias e incluso especies como consecuencia de enfermidades como a síndrome do nariz branco “que ten minguado as poboacións de morcegos insectívoros dos ecosistemas temperados”, así como por causa da deforestación de moitos ambientes tropicais. 

Retratos das sombras asombrosas

As actividades promovidas polo Grupo de Ecoloxía Evolutiva para conmemorar o Ano Internacional dos Morcegos complétanse cunha mostra composta por paneis nos que a través de texto e fotografías facilítase de xeito rápido e didáctico un achegamento ao mundo dos morcegos. “Organizamos a mostra como un paseo por algunhas das adaptacións que promoveron o éxito evolutivo dos morcegos e a explicación dos distintos grupos, baseándonos nos seus hábitos tróficos”, explica Navarro. Investigadores e fotógrafos de Cuba e Alemaña participaron da elaboración dos paneis explicativos que se poderán visitar na entrada do Edificio de Ciencias Experimentais e nos que Navarro destaca en especial as imaxes que polas especiais características dos quirópteros obrigan a traballar de noite e con velocidades e un sixilo adaptado aos morcegos, “o que resulta complicado, aínda que afortunadamente hoxe en día dispoñemos de tecnoloxía eficiente para enfrontar estas dificultades”.

Das 1200 especies de morcegos que están presentes en case todos os ecosistemas do planeta, desde insectívoros a frugívoros, pasando por nectarívoros, 31 están presentes na Península Ibérica e máis de 20 en Galicia.