DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Sete actividades integran o programa organizado pola Área de Benestar, Saúde e Deporte

Somérxete esta primavera nunha nova edición de Augaventura 

O prazo de inscrición xa está aberto

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
DUVI 04/03/2024

Mergullo, surf, flyboard, rafting, caiac, wakeboard e windsurf son as actividades incluídas na edición de primavera 2024 do programa Augaventura, organizado pola Área de Benestar, Saúde e Deporte. Entre o 6 e o 28 de abril darán comezo as actividades nas que poderán participar membros da comunidade universitaria e os seu familiares, integrantes da comunidade alumni, PDI e PAS xubilado, que deberán inscribirse a través da web de Campus Activo, onde tamén poderán realizar o correspondente pagamento da actividade seleccionada.

O prazo de inscrición xa está aberto e pecharase en diferentes datas, en función do inicio de  cada unha das actividades do programa, no que se estableceron limitacións en función da idade dos participantes. Así, para tomar parte nas sesións de wakeboard e windsurf cómpre ter cando menos 12 anos e 17 no caso do flyboard. Ademais os e as menores deberán achegar unha autorización da nai, pai ou titor legal.

Mergullo en Cies para abrir boca e wakeboard para rematar

A edición de primavera 2024 de Aguaventura arrancará o 6 de abril co primeiro dos dous grupos que se formarán para desenvolver a actividade de mergullo nas illas Cíes. Coa colaboración de Buceo Islas Cies, as e os participantes sairán desde o peirao de Bouzas onde se lles dará o material preciso e unhas pequenas nocións teóricas, que logo poderán poñer en práctica. O prezo desta actividade oscila entre os 47,25 euros para as persoas relacionadas co UVigo e os 94,50 euros para as alleas á comunidade universitaria. Pola súa banda, a segunda das sesións de mergullo terá lugar o 27 de abril.

O bautismo de surf será a segunda das actividades que se celebrará ao abeiro da edición de primavera de Aguaventura. O primeiro dos grupos desta práctica deportiva reunirase na praia de Patos, en Nigrán o 7 de abril, onde durante dúas horas, técnicos de Prado Surf Escola entregarán os neoprenos e táboas cos que as e os participantes realizarán unha clase teórico-práctica, que inclúe quentamento muscular, práctica de remada e explicación e práctica da técnica do stand up. A segunda quenda desta actividade, cuxos prezos oscilan entre os 7 e os 14 euros, desenvolverase o 21 de abril.

Coa colaboración de Tierra y Mar, o 13 de abril terá lugar en Bouzas a actividade de flyboard. Logo dunhas pequenas nocións teóricas, desenvolverase unha práctica, que a organización lembra que está desaconsellada para mulleres embarazadas, persoas con patoloxías graves de costas ou pescozo, otite e luxacións de ombreiro e xeonllo. Os prezos oscilan entre 21 e 42 euros.

O 19 de abril chegará a quenda para o rafting ou descenso de rápidos. Da man de Arrepións, as e os participantes recibirán formación sobre a colocación do material, remada e seguridade, coa que poderán descender un tramo do río Miño en Arbo, durante hora e media. Os membros da comunidade universitaria abonarán 15,75 euros por esta actividade, pola que as persoas alleas á UVigo deberán pagar 31,50 euros.

Ao día seguinte, o 20 de abril, terá lugar a ruta á illa de San Simón na que se combinará o caiac, unha andaina e snorkel. Desta volta será Marexada a entidade colaboradora nesta travesía que inclúe paradas na estatua de Xulio Verne, visita á illa de San Simón e unha parada nos illotes de San Bartolomé e San Norberto, onde se realizará un mergullo de superficie. Entre 21 e 42 euros oscilan os prezos para participar nesta travesía.

As actividades desta edición de Augaventura rematarán con windsurf o 23 de abril e wakeboard o 28. Tierra y Mar será a entidade colaboradora nestas prácticas deportivas que se celebrarán en Bouzas e cuxos prezos van dos 10,50 aos 21 euros.