DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Asunción Longo, nova directora do CACTI:

“Somos punteiros en España en moitas técnicas e servizos, pero debemos facer un labor de difusión para chegar a todos os investigadores”

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 06/03/2009

Dende que botou a andar en 1991, o Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico á Investigación, CACTI, foise consolidado ano tras ano como un referente da investigación desenvolta no seo da Universidade de Vigo e en estreita relación coa contorna empresarial e pública. Tanto a potenciación da súa proxección interna e externa como o fomento do apoio aos grupos de investigación son dúas das prioridades que se marca a nova directora do CACTI, Asunción Longo.
Ovetense de nacemento, a súa carreira profesional fíxoa recalar en Vigo hai 13 anos. Licenciada en Ciencias Químicas pola Universidade de Oviedo, cursou un mestrado en Biotecnoloxía na Universidade de Manchester e posteriormente o doutoramento no Instituto Nacional de Ciencias Aplicada de Toulouse. O seu interese de continuar coa carreira docente tróuxoa á Universidade de Vigo en 1995, onde desenvolveu a súa traxectoria profesional como profesora e investigadora do Departamento de Enxeñaría Química ata facerse cargo na actualidade da dirección do CACTI.

Aínda que recentemente aterrada no seu novo cargo como directora do CACTI, a súa xestión seguirá un camiño de continuidade con respecto ao seu antecesor, Luis Liz, ou vanse producir cambios significativos?
En principio si vai haber unha certa continuidade co que xa se viña facendo. O CACTI está funcionando, en algúns aspectos moi ben, polo tanto todo o que poida continuar, continuarase. Hai unha serie de cuestións nas que se seguirá traballando, como a implantación da norma ISO 9001, que temos interese en que se concrete. Todo o que sexa mellorable tentarase mellorar, porque nun centro destas características, por moi ben que funcione, sempre hai cousas que corrixir e, neste sentido, tentaremos mellorar a eficiencia do centro en todos os aspectos.

Cales serán as súas liñas prioritarias de actuación?
Ademais do tema da norma ISO 9001, quero comezar a reunirme con todos os servizos do CACTI para identificar as problemáticas que poida haber e optimizar o funcionamento de cada un deles. Tamén me gustaría promocionar o máis posible o labor do centro, xa que ten un potencial enorme, é punteiro a nivel nacional en moitas da técnicas das que se dispón e, a nivel europeo, dos máis importantes en algunhas cuestións. Isto hai que potencialo e publicitalo máis, tanto dentro como fóra da Universidade.

Os datos son claros e evidencian o traballo que se realiza: o CACTI pasou de facturar en 2001 112.098 euros aos 321.050 do pasado 2007. A que se debe ese descoñecemento das posibilidade que o centro ofrece tanto á comunidade universitaria como a empresas e institucións?
Esta é unha das cuestións centrais. Incluso a nivel interno, os investigadores non saben moitas veces todo o que hai no CACTI, unha gama de técnicas moi ampla e uns técnicos moi especializados cunha formación moi boa. A idea é dar a coñecer toda a nosa oferta, as posibilidades dos servizos e infraestruturas.

Pero o labor deste centro non se limita ao servizo interno, senón que está aberto a empresas e organismos. De feito, a facturación do 2007 do CACTI repartíase nun 32% de empresas, un 41% da Universidade de Vigo e un 27% de Organismos Públicos de Investigación. A futura apertura de Citexvi no campus, así como a radicación nel de varios institutos tecnolóxicos pode favorecer este posicionamento?
Claramente. Hai e haberá unha estreita interrelación entre todos os institutos e centros de investigación pero non só no campus de Vigo, senón tamén, por exemplo, no de Ourense. A idea é potenciar as relacións con outros centros tecnolóxicos análogos, non soamente cos que se creen no campus, senón tamén cos equivalentes da USC e UDC e cos centros tecnolóxicos que se están creando en outros puntos do campus. Traballaremos man a man con todos eles, é inevitable; un exemplo é o Centro de Investigación Biomédica, do que estaremos moi preto e co que haberá unha interacción directa segura.

Pero sen dúbida, o que tamén vai ser decisivo para o futuro do CACTI vai ser o novo edificio...
Vai representar unha mellora moi importante. Aínda que este edificio no que estamos está en boas condicións, o novo está feito e planificado á medida dos equipos que vai acoller e non ao revés, polo que suporá unha optimización dos recursos.

Dende a súa perspectiva de investigadora, que pode aportar agora á xestión do CACTI?
O feito de ter sido usuaria destes aspectos supón coñecer o outro lado da barreira. Os problemas e inquedanzas do investigador vivinos en propia carne e representa unha visión interesante. Logo tamén te das conta de que cando un é usuario non é consciente de todos os problemas que hai, preocúpaste principalmente pola túa mostra e o seu problema específico sen ter presente a problemática da contorna.

Que servizos pode atopar un investigador no CACTI?
Contamos con sete unidades: un servizo de Determinación Estrutural e Proteómica, un de Nanotecnoloxía e Análise de Superficies, outro de Microscopía Electrónica, que ten unha sección aplicada ás Ciencias da vida e outra á materiais, e un de Seguridade Alimentaria e Desenvolvemento Sostible. A oferta complétase cun servizo de Detección Remota e un taller de Electrónica e outro de Mecanizado. En todas eles temos unhas técnicas moi interesantes, de última xeración e moi avanzadas. Por exemplo, en microscopía electrónica contamos cuns equipos cunha resolución moi alta e dos que hai moi poucos en España.

Por outra banda, dende o CACTI tamén se organizan cursos para os investigadores?
Esta é unha cuestión que me gustaría fomentar, xa que o persoal do que dispoñemos está moi formado e sería interesante aproveitar e transmitir o seu coñecemento sobre as técnicas que existen aquí tanto á comunidade universitaria como incluso ao interior. A oferta de cursos é ampla, tanto cursos xerais como orientados ao manexo dos equipos dos que dispoñemos, trátase de camiñar cara a unha especie de “autoservizo”, para que os nosos usuarios poidan aprender a empregar os nosos equipos. Con todo, esta iniciativa que potenciaría a tarefa docente dos técnicos, atópase coa problemática da falta de tempo, xa que non podemos permitir que se desatendan os seus labores principais. Por outra banda, tamén tentamos que os nosos técnicos e traballadores asistan a cursos e accións formativas e de especialización no uso de técnicas ou equipos novos.

Elsa Vázquez, nova vicerreitora de Investigación; Edita de Lorenzo, primeira directora dunha enxeñaría en Galicia e vostede, nova directora do CACTI. Algo está a cambiar que permite unha maior visualización da muller no ámbito da I+D no que, tradicionalmente, os homes ostentaban os cargos de relevancia?
É evidente, está cambiando algo, aínda que probablemente máis amodo do que debería. Na universidade, as mulleres representan unha parte moi importante do alumnado e do profesorado, agora tamén están comezando a ser visibles nos cargos directivos e tamén en comisións ou no Ministerio de Ciencia e Innovación, con moitas mulleres implicadas na toma de decisións. No campo da investigación, a evolución estase vendo claramente nos últimos anos: hai moitas mulleres que optan pola carreira investigadora e moitas delas alcanza o currículo necesario para acadar estes postos e realizar estas actividades.