DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O artista e músico Alfredo Costa Monteiro imparte un obradoiro na Facultade de Belas Artes

O son concibido como unha forma de expresión artística “confidencial”

O convidado recoñece que existe unha falta de coñecemento dos movementos afastados do convencional

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 12/05/2011

“Para min cada son que reproduzo é arte”. Así definiu a importancia que para o artista e músico Alfredo Costa Monteiro ten cada unha das pezas que compón con “aparellos de baixa tecnoloxía”, froito da improvisación e da experimentación. Foi convidado polo decano de Belas Artes, Juan Carlos Meana, para impartir un obradoiro de son, achegando ao alumnado novas posibilidades para futuras creacións artísticas. Monteiro quere destacar “que o son achéganos a un mundo fascinante, con infinitas posibilidades de creación, pero segue a ser considerado como unha arte confidencial”.

Para o artista, o son “é unha nova forma de ver o mundo”, que paseniño a paseniño vai logrando maior recoñecemento “polo esgotamento da parte visual da arte contemporánea”. Agora ben, asume que este estado “é cuestión de modas e o noso futuro aínda está no aire”. O motivo, engade, “a falta de cultura e de coñecemento da sociedade sobre a arte sonora”. Un dos problemas para a súa divulgación como expresión artística “radica na falta de espazos que estean preparados para o son, sobre todo en museos, onte teñen infraestruturas dispoñibles de sobra”.

Considera que a arte sonora está afastada do convencional, aínda que recalca que ningunha arte “debería caer nos convencionalismos”. Ese foi unha das causas polas que Monteiro deixou de lado as artes plásticas, pois “é un mundo completamente anquilosado, con demasiadas regras que non quero seguir, con códigos obsoletos e cerrados que fan sombra ao artista”.

O son en directo, experimental e improvisado

Prefire mostrar a súa creatividade a través de sons en directo, “creados no momento”. Bota man da improvisación e da experimentación, “facendo o que o corpo me pide e non aquilo que debería ser máis conveniente”. Deste xeito, “sen ter nin idea do que vas facer, xorden millóns de sons que nos aproximan a unha realidade nova cada vez”.

Para reproducir esta música experimental, o artista non dispón dun equipo “última xeración”, senón que recorre ao son analóxico, “afastado de fontes dixitais e de instrumentos convencionais” mediante o emprego de obxectos e aparellos “de baixa tecnoloxía, creados por min, onde impera a simpleza e o sinxelo”. “Materiais pobres”, aparentemente sen ningún valor mercantil, “pero si utilitario”, como pequenos motores ou resorte de arame “aos que lles coloco micros de contacto que amplifican e xeran un son distinto e inesperado”. Así, no seu haber artístico abunda unha gran cantidade de poesías sonoras e visuais nas que mestura o entretemento, a linguaxe, o sentido e por suposto o son.

Obradoiro para o alumnado

Alfredo Costa Monteiro, ademais de achegar a súa experiencia no mundo da arte sonora, tamén imparte un obradoiro no que tentará afondar nas técnicas da improvisación en sesións repartidas entre hoxe, venres e mañá. A finalidade é que o alumnado que asista sexa quen de crear unhas pezas sonoras “que teñan a súa autonomía e que poidan servir para a participación en obras futuras de maior complexidade”.