DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Blusens Universidade de Vigo presenta o equipo co que loitará por manterse na elite nacional do ru

O soño da permanencia no 25 aniversario

Con novo patrocinador e un plantel reestruturado no seu segundo ano na División de Honra

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
M. Del Río / Jessica Fdez. DUVI 18/09/2012

Con moitos cambios pero tamén con moita ilusión e xa coa experiencia dun ano na elite nacional do rugby, a División de Honra. O Blusens Universidade de Vigo presentouse este martes en sociedade no campus vigués cos petos cheos de enerxía e de gañas de asegurarse a permanencia nesta temporada, consolidándose como un dos mellores equipos do estado. Este sería o mellor dos agasallos na celebración do 25 aniversario do club, convertido xa nun estandarte da Universidade e de Vigo. Como subliñou o reitor, Salustiano Mato este deporte “marida, como poucos, os seus valores cos da Universidade: a fortaleza, o xogo limpo, o esforzo e sobre todo o sentimento”. Neste proxecto compartido o equipo e a Universidade levan un cuarto de século da man, unha unión que tanto o presidente do club, Ramón González-Babé, como o reitor esperan que siga dando os seus froitos. “Este é un proxecto emprendedor, un espírito que tamén caracteriza á Universidade de Vigo e que comparte con Blusens”, o novo patrocinador do equipo e unha das grandes novidades para esta tempada, como explicou o reitor. González-Babé agradeceu tamén o apoio da Universidade nestes anos, “sen a que non seríamos nada”, e tivo palabras tamén para todas aquelas entidades e empresas que os patrocinaron ao longo da súa historia”.

Directiva, corpo técnico e xogadores do Blusens Universidade de Vigo, acompañados tamén polo secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete; o concelleiro de Deportes de Vigo, Manel Fernández e Fran Teixeira, en representación da Deputación de Pontevedra, xunto cos representantes das entidades patrocinadoras, amosáronse ilusionados e esperanzados nesta tempada 2012-2013.

O espírito Blusens

Detrás do equipo universitario estará durante esta tempada a empresa galega Blusens, un patrocinador que segundo indica o seu vicepresidente executivo, Miguel Silva, “aposta con paixón por este deporte”. E semella que esta será unha relación que se alongará no tempo, xa que o responsable da entidade non descarta que “en tres ou catro anos poidamos estar competindo en Europa”, o mesmo que sucedeu coa aposta de Blusens en Moto3, modalidade na que están a piques de facerse co campionato do mundo. O reitor incidiu na importancia da ilusión e do traballo para acadar este ambicioso obxectivo e puxo como exemplo á propia Universidade “que leva dous anos xogando na Champios europea, a pesar de ser unha institución cun orzamento moi pequeno”, grazas ao Campus de Excelencia Internacional Campus do Mar.

Pero as olladas a curto prazo están postas na permanencia e Silva animou aos xogadores tras o debut con derrota ante o Hernani esta fin de semana. “Ás veces comezar cunha decepción é positivo porque nos lembra o importante que é estar aí e como chegamos”, indicaba o responsable de Blusens, ao tempo que lembraba o importante labor de canteira do club. Neste factor afondou tamén o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, que gabou a aposta polas categorías inferiores, polas escolas deportivas para achegar o rugby aos máis pequenos e por contar cunha ”columna vertebral basicamente galega”. O representante da Xunta lembrou tamén que nos vindeiros xogos de Río de Janeiro o rugby 7 será olímpico, “ese é o horizonte deste belísimo deporte”.

Reestruturación da plantilla

De cara a esta nova tempada son moitos os cambios que presenta o Blusens Universidade de Vigo e comezan polo corpo técnico, coa incorporación de Alberto Mera, que se une a David Monreal e a Norman Maxwell, que deixará Vigo nas vindeiras semanas. Neste segundo ano na máxima división nacional o obxectivo é a permanencia, un reto complicado para o que o club se reforzou con cinco fichaxes internacionais tras perder algunhas das súas figuras como Hamilton ou Tukaki. Para suplir as ausencia chegaron a Vigo o británico Brett Rule, que lesionado perderase case toda a tempada; o tamén británico Andrew Robb; o australiano Cameron Wyper, que chegará a Vigo esta semana e o neocelandés Cris McLaren. Finalmente Rikki Stout, unha das fixaches deste verán, non permanecerá en Vigo por decisión do corpo técnico. Tamén haberá un novo capitán, Vicente Prieto, Tito, que substituirá a Carlos Blanco, co que o equipo só poderá contar en 6 ou 7 encontros ao longo do ano debido aos seus compromisos coa selección española.

A loita pola permanencia será dura na División de Honra, con 12 equipos, descendendo o derradeiro e promocionando o penúltimo. Os rivais directos para consolidarse entre os mellores equipos de España serán o Hernani, que se estrea este ano na máxima división, o Cisneros e o Atlético de Madrid. A vindeira cita será o domingo, 23 de setembro, no primeiro encontro fóra da casa ante o CRC Madrid.