DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nomeado membro de honor do claustro de profesores

Sorpresa e emoción na homenaxe ao catedrático Gonzalo Diéguez

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 16/01/2009
O conflito colectivo e a folga son dous aspectos de moito interese na actualidade. Por ese motivo, dentro dos actos conmemorativos da festividade de San Raimundo de Peñafort, incluíuse este venres un relatorio que afonda nestes conceptos, ou iso era o que pensaba inocentemente o profesor Gonzalo Diéguez, catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social.
Acompañado pola decana da Facultade de Dereito, Inés Iglesias Canle e polo catedrático Jaime Cabeza, ambos os dous cómplices da sorpresa, Diéguez comezou unha intervención na que afondou nos aspectos do conflito laboral, a negociación colectiva e a folga dende un punto de vista xurídico. Entre os asistentes contábanse profesores e amigos de Diéguez chegados de distintas universidades que se xuntaron para esta pequena homenaxe secreta.
“Sen conflito laboral non existiría o Dereito do Traballo”, comezou o catedrático, que afirmou que “a folga é unha sanción de forza que sempre ten como obxectivo conseguir algo que o empresario rexeita”. Diéguez, “un dos que ten escrito e pronunciado auténtica doutrina nesta materia”, comentou Cabeza; centrou o seu relatorio na “negociación colectiva in peius”, aquela que non se produce para mellorar as condicións de traballo dos empregados, “senón todo o contrario, xa que neste caso a iniciativa parte do empresario”, explicou Diéguez. Neste tipo de negociacións non existe polo tanto “conflito laboral, nin cabe a posibilidade de folga, xa que no caso de non chegar a un acordo o empresario é o que ten a capacidade de decisión última”. Isto parece bastante lóxico no Dereito do Traballo, “se unha empresa non pode pagar aos seus empregados non hai máis”, o que sucede na actualidade é que moitas empresas “declaran non poder facer fronte aos seus gastos e o que queren é gañar máis cartos coa súa deslocalización”, concluíu Diéguez.

A homenaxe

Tras o relatorio que moi convencido do seu papel pronunciou o catedrático, chegou o momento da verdade. Entre risos, Cabeza, desvelou o verdadeiro motivo polo que estaban hoxe alí, “tes que perdoar, xa que todos os presentes somos conscientes da sorpresa que temos preparada menos ti”. Neste acto “o importante non foi a túa intervención senón a homenaxe que ven agora”. Un libro titulado El conflicto colectivo y la huelga “no que participaron numerosos profesores e amigos de distintos lugares e que con gran cariño e afecto hoxe che presentamos”. Visiblemente emocionado e sen palabras Diéguez amosou a súa sorpresa e agradeceu “a todos os que participastes neste complot polo voso traballo e esforzo”. O catedrático confesou non haber sido consciente en ningún momento do que lle agardaba. Pola súa banda, Iglesias, pediu desculpas a Diéguez “por terte feito traballar no día en que viñas supostamente tan só a ser nomeado, no acto de graduación, membro honorario do claustro de profesores”.