DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O conxunto da Universidade caeu nos seus enfrontamentos con Alacante, Madrid e León

A sorte non acompañou ao equipo de balonmán do campus no Campionato de España

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
DUVI 09/05/2014

Un mal inicio de partido na xornada inaugural e o gol sobre a bucina que lles anotou ao día seguinte o equipo da Politécnica de Madrid deixaron sen opcións de loitar por un posto na final do Campionato de España Universitario de balonmán ao equipo da Universidade de Vigo. Tras proclamarse campión galego universitario e superar á Universidade de Cantabria na fase previa, este grupo de xogadores do campus de Pontevedra desprazouse esta semana a Madrid para participar na fase final do torneo estatal, na que hai un ano quedaron ás portas de loitar polo ouro, pero da que neste 2014 retornan con tres derrotas en tres partidos.

Na xornada de apertura do torneo que reuniu en Madrid aos oito mellores equipos do balonmán universitario, ao representante da Universidade de Vigo correspondíalle medirse co conxunto da Universidade de Alacante e o certo é que, como recoñece o xogador e adestrador, Anxo Otero, “o equipo tardou moito en entrar no partido”. Ese mal inicio permitiu que o conxunto alacantino se marchase seis goles arriba no primeiro tempo, distancia que o equipo do campus de Pontevedra tentou neutralizar nun segundo período xa máis igualado. Mais, a pesares de que no principio deste tempo lograron reducir a súa desvantaxe a tres goles, os integrantes do equipo do campus non puideron completar a remontada e axiña viron como o Alacante se facía de novo cun colchón de goles no marcador, para rematar gañando por 33-26.

Derrota no último segundo

O feito de que o mellor conxunto de cada un dos grupos nos que se dividiu esta competición obtivese o seu pase directo a final reducía moito as opcións do equipo da Universidade tras este tropezo inicial. Por iso, para manter algunha posibilidade matemática na última xornada da fase de grupos, era obrigado gañar o xoves ao equipo da Politécnica de Madrid. Mais tampouco houbo sorte e o equipo que dirixe Otero caeu por 29-28 cun gol sobre a bucina dos anfitrións. “Foi un bo partido dos dous equipos, que se mantivo moi igualado en todo momento, xa que ningún conseguiu unha vantaxe de máis de dous goles”, relata o adestrador e xogador. Así as cousas, todo acabou decidíndose nos segundos finais, nos que a sorte non sorriu ao equipo galego.

Xa sen opcións, o conxunto da Universidade pechou o xoves a súa participación neste torneo enfrontándose á Universidade de León, que coas súas vitorias fronte a Alacante e Politécnica de Madrid tiña asegurada xa a súa presenza na final antes de comezar o partido. “Por iso, os dous equipos aproveitamos para que xogase a xente que nos días anteriores tivera menos minutos”, explica Otero, que recoñece o “alto nivel” do seu rival, do que formaban parte cinco xogadores do Ademar León da Liga Asobal. De feito, o equipo leonés, que gañou á Universidade de Vigo por 38-31, alzouse á xornada seguinte co título de campión de España, tras dobregar ao representante da Universidade de Zaragoza na final.